A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Permanece activo o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que segundo as últimas estimacións afecta 1.535 hectáreas

Mantense estabilizado o lume no municipio pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 100 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Cualedro

Continúa activo o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que comezou o mércores ás 14,15 h. en cando menos dous puntos diferentes simultáneos. Diante da súa evolución favorable e tras unha nova medición provisional da superficie, xa sen fume no lugar, a última estimación é de 1.535 hectáreas, das cales arredor de 525 son agrícolas e 1.010 forestais (unhas 960 rasas e arredor de 50 arboradas). Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.

Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 37 axentes, 95 brigadas, 38 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rodeiro

Continúa estabilizado o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que se iniciaba onte á tarde. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 100 hectáreas. Para o control deste incendio lévanse mobilizado 7 axentes, 21 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. del Medio Rural