A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Permanece activo o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 1.000 hectáreas

Permanece estabilizado o lume no municipio pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 50 hectáreas de superficie

Extinguido un lume rexistrado esta madrugada no concello coruñés da Pobra do Caramiñal, parroquia de Lesón, que afectou finalmente a 42,42 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Cualedro

Permanece activo o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, tras comezar o mércores ás 14,15 h. en cando menos dous puntos diferentes simultáneos.

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.000 hectáreas, nas cales hai parte agrícola e forestal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 32 axentes, 88 brigadas, 34 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rodeiro

Permanece estabilizado desde as 22,10 h. de onte o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, tras comezar ás 15,26 h. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. Para o control deste incendio lévanse mobilizado 7 axentes, 16 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.

Pobra do Caramiñal

Ás 1,10 h. desta madrugada rexistrábase un lume no concello coruñés de Pobra do Caramiñal, parroquia de Lesón, que quedaba extinguido ás 6,42 h. desta mañá. Tras a medición con GPS, xa sen fume, a superficie afectada foi de 42,42 hectáreas de monte raso. Na súa extinción participaron 4 axentes, 5 brigadas e 5 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.