Medio Ambiente aproba o primeiro PXOM de Baños de Molgas co obxectivo de fixar poboación e impulsar as políticas de vivenda

A conselleira Ángeles Vázquez asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do plan, que pon fin á tramitación iniciada en 2008 e terá unha vixencia de 20 anos

Entre os eixos do novo modelo de ordenación cómpre subliñar a clasificación do solo dun xeito equilibrado, mellorar a calidade de vida dos veciños sen diminuír os valores naturais do concello e promover un desenvolvemento sustentable

Con este sinatura, son xa 109 os municipios galegos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente na comunidade autónoma
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do PXOM de Baños de Molgas (Ourense), un documento que está chamado a guiar a evolución urbanística do concello durante os próximos 20 anos e que substituirá ao Plan Básico Autonómico polo que se rexía ata o de agora.

En presenza do rexedor Jaime Óscar Iglesias, a conselleira subliñou que, deste xeito, se culminan case 12 anos de traballo durante os que os redactores do plan xeral tiveron que estudar ao detalle os 67,6 km2 que abrangue o municipio, así como as 13 parroquias nas que se divide o seu territorio.

Como principal obxectivo da nova ordenación urbanística de Baños de Molgas, Ángeles Vázquez salientou a clasificación do solo de forma equilibrada para mellorar a calidade de vida da veciñanza sen producir unha diminución dos valores naturais do municipio senón, pola contra, aproveitando as súas potencialidades.

Para conseguir este desenvolvemento sustentable do concello, a conselleira explicou que o novo PXOM aspira a regularizar a situación urbanística de todo o termo municipal, a fixar poboación rompendo a tendencia ao despoboamento que sofren a maior parte dos seus núcleos e a impulsar políticas que fomenten a ocupación das vivendas baleiras existentes.

Neste sentido, o plan prevé medidas como o fomento do alugueiro a través de incentivos aos propietarios ou o impulso ás actuacións de rehabilitación, unha aposta que a conselleira considerou moi acertada xa que, lembrou, vai na mesma liña na que se está a traballar desde o Instituto Galego da Vivenda e Solo e comparte a filosofía da nova Lei de rehabilitación de Galicia.

Así mesmo, desde un punto de vista económico o PXOM tamén prevé a delimitación dunha área de uso terciario á beira do río Arnoia. Trátase dun solo destinado a usos terciarios vencellados á actividade termal, comercial e de ocio, que se quere potenciar como un espazo libre de carácter xeral.

Na mesma liña, o documento fai unha aposta polo potencial turístico do municipio, para o que propón a identificación, protección e revalorización dos elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnolóxicos singulares do concello polo seu interese cultural ou patrimonial. Por isto, catalóganse como núcleos singulares Cachagonza, Almoite, Santa Eufemia, Fondodevila, Suatorre, Cardoeiro, Sanguñedo, Calvelo, Xocín, O Pazo e Vilar.

Co mesmo obxectivo, o novo PXOM prevé desenvolver varios instrumentos de ordenación para protexer zonas ou elementos que pola súa singularidade merecen un tratamento especial. Así, contempla a revisión da ordenación detallada do núcleo de Santa Eufemia e a redacción dun Plan Especial de Protección para poñer en valor este ámbito; a elaboración dun Plan Especial de Protección dos Petróglifos do concello, declarados Bens de Interese Cultural; e que o casco histórico do municipio, pola súa riqueza arquitectónica, sexa obxecto dun Plan Especial de Protección do Casco Histórico.

En canto ao solo urbano e urbanizable, que representan só o 0,52% da superficie total do municipio, o plan limita a súa capacidade máxima de uso residencial a algo máis de 500.000 m2, cunha previsión de 404 novas vivendas nos seus 20 anos de vixencia.

Finalmente, o planeamento reserva 51.890,94 m2 para espazos libres e zonas verdes e outros 29.235,20 m2 a equipamentos comunitarios, a pesar de que por lei o Concello de Baños de Molgas non ten obriga de establecer reservas mínimas no PXOM.

12 millóns para axudar aos concellos

Coa aprobación deste novo documento son xa 109 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente. 79 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 21 deles na presente lexislatura, que comezou en 2016 e rematará coa constitución do novo Parlamento o vindeiro mes de agosto.

Neste sentido, Ángeles Vázquez insistiu en que o traballo desenvolvido pola Xunta desde 2009 en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Cómpre lembrar que entre as competencias urbanísticas que ten atribuídas a Xunta se atopa o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.

Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno galego para fomentar que os municipios conten con plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 12 millóns de euros a través de convenios de colaboración con 191 concellos que están a redactar os seus planeamentos e plans especiais.

No caso de Baños de Molgas, a achega da Xunta ascende a 113.628 euros, unha contía da que tan só queda por abonar a fase correspondente ao trámite de aprobación definitiva.
 

Imaxes relacionadas