A AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal promove medidas para facilitar os traslados dos menores en zonas transfrontreirizas para actividades lúdico-deportivas

O obxectivo da proposta é permitir que os menores poidan sacar todo o partido das actividades, infraestruturas e servizos existentes en áreas transfronteirizas

Estará incluída entre as propostas da “Estratexia común de desenvolvemento transfronteirizo (ECDT)”, que están a preparar os gobernos de España e Portugal
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal propón establecer unha autorización específica que favoreza a circulación dos menores que realizan actividades culturais, deportivas ou educativas en áreas transfronteirizas.

Desta forma, os menores poderían sacar todo o partido as actividades, infraestruturas e servizos existentes, independentemente do lado da fronteira no que vivan.

Esta proposta da AECT estará incluída dentro das medidas contempladas na “Estratexia común de desenvolvemento transfronteirizo (ECDT), que están a preparar os gobernos de España e Portugal e que se espera sexa aprobada no Cumio Ibérico do mes de setembro.

Establecer unha autorización específica para os menores é a conclusión do traballo que se leva realizando desde o ano pasado, no marco da iniciativa b-solutions, impulsada pola Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) para identificar e promover a eliminación de obstáculos fronteirizos de carácter xurídico e/ou administrativo dentro da UE.

Así, dentro deste programa europeo, a AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal impulsou unha candidatura para definir fórmulas que faciliten os traslados de menores que realizan actividades deportivas, educativas ou culturais en zonas fronteirizas. A ARFE e a Comisión Europea consideraron de interese esta candidatura, asignando un experto que avaliou a situación e preparou un informe final, publicado a principios de ano, no que se propón a creación dun modelo específico de autorización de traslado transfronteirizo.

Como resultado dos traballos impulsados pola AECT da Eurorexión, suxírese a creación dun modelo piloto de autorización para as Eurocidades que poida ser exportado para outras fronteiras internas europeas onde eses obstáculos xurídicos e administrativos tamén se verifiquen.

Este sería un modelo de autorización específico para áreas transfronteirizas, que debería ter unha duración máis longa, permitir a posibilidade de ser utilizado en varias ocasións e estar limitado a un territorio transfronteirizo específico, como o da Eurocidade.

Así mesmo, suxírese que, para actividades regulamentadas, como clases extra curriculares do outro lado da fronteira, a autorización poida ser acompañada dun documento da institución educativa, cultural ou deportiva en que o menor realiza as actividades.