A Xunta licita as obras de instalación do sistema de regulación do caudal ecolóxico na presa de Baiona

A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación desta actuación por un investimento duns 270.000 euros e cun prazo de execución de 5 meses

As empresas interesadas en executar os traballos de mellora destas instalacións poderán presentar as súas ofertas ata o 31 de agosto

Trátase de poñer en funcionamento un sistema que permita a regulación da presa nun rango de entre 270 l/s y 10 l/s

As actuacións inclúen a montaxe na cámara de válvulas dun sistema de calefacción para evitar condensacións, a mellora do sistema de auscultación, así como a incorporación de novos manómetros e un elongámetro telescópico dixital

Tamén prevé a renovación completa do cadro e o sensor en dous aforadores, a mellora da carpintería metálica, e traballos de limpeza do aliviadero da presa
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe as obras de instalación do sistema de regulación do caudal ecolóxico na presa de Baiona.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica xa a licitación desta actuación por un investimento duns 270.000 euros.

As empresas interesadas en executar os traballos de mellora destas instalacións no termo municipal de Baiona poden presentar as súas ofertas ata o 31 de agosto. As obras teñen un prazo de execución de 5 meses.

Entre os traballos para mellorar as condicións de regulación desta presa proxéctase a posta en funcionamento dunha derivación sobre unha das dúas liñas de desaugue de fondo existentes, sobre a que dispor unha válvula de comporta e outra de regulación que permita a súa regulación nun rango entre 270 l/s y 10 l/s.

As actuacións inclúen a instalación na cámara de válvulas dun sistema de calefacción, para evitar condensacións, a mellora do sistema de auscultación mediante a substitución da pantallas de display de diversos aforadores, así como a incorporación de novos manómetros, un elongámetro telescópico dixital. Tamén se renovará completamente o cadro e o sensor en dous aforadores.

Os traballos permitirán ademais a mellora da carpintería metálica, a limpeza do paramento do aliviadero da presa, retirando a vexetación do seu interior, e a rehabilitación do tramos do camiño de coroación que presentan armaduras sen recubrimento.

Finalmente procederase a desmontaxe e retirada completa das plataformas metálicas existentes no paramento de augas abaixo do dique da presa.