A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Permanece activo pero evoluciona favorablemente o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que afecta provisionalmente unhas 1.000 hectáreas

Estabilizado o lume no municipio pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo novas estimacións afecta unhas 50 hectáreas de superficie
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

Cualedro
Permanece activo aínda que evoluciona favorablemente o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, tras comezar o mércores ás 14,15 h. en cando menos dous puntos diferentes simultáneos.

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 1.000 hectáreas, nas cales hai parte agrícola e forestal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 31 axentes, 88 brigadas, 29 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rodeiro
Estabilizado ás 22,10 h. de onte o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, tras comezar ás 15,26 h. Segundo novas estimacións afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. Para o control deste incendio lévanse mobilizado 5 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural