Román Rodríguez salienta o esforzo do sector turístico para reactivar a súa actividade tras o estado de alarma

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións participou hoxe na inauguración do Harpazul Apartaments impulsado por Roi Casal no concello de Catoira

Catoira (Pontevedra), 30 de xullo de 2020.- O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, salientou hoxe, no marco da inauguración do Harpazul Apartaments, o importante esforzo que está facendo o sector turístico para reactivar progresivamente a súa actividade tras o estado de alarma provocado pola covid-19.

Así, durante o acto de inauguración deste novo complexo no concello de Catoira, o titular de Cultura e Turismo en funcións, subliñou o traballo do tecido empresarial e recoñeceu a valentía que supón a apertura de novos establecementos nun contexto de incerteza e dificultade como o actual. “Son consciente de que queda moito camiño por diante, pero estou seguro de que se os profesionais do sector e as institucións públicas remamos xuntos conseguiremos superar este momento”, destacou.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez mostrouse agradecido co músico Roi Casal, impulsor de Harpazul Apartaments, pola súa determinación á hora de apostar por unha iniciativa empresarial que permite seguir reforzando a imaxe de Galicia como destino seguro e de confianza que conta cunha oferta variada e de calidade. “O novo Harpazul é un proxecto que nace nun momento de dificultade, pero que o fai nun contexto xeográfico extraordinario como o que ofrece o concello de Catoira, ás portas da comarca do Salnés, desde o que amosar ao mundo todo o potencial da nosa terra”, engadiu o representante da Xunta.

O novo complexo turístico conta con sete apartamentos de categoría superior creados nun inmoble antigamente empregado como edificio multiusos e no que se desenvolvían todo tipo de actividades socioculturais. A súa situación, nas proximidades do río Ulla, fai posible que os visitantes poidan gozar de atractivos naturais e históricos como ás ruínas das antigas Torres do Oeste, as paisaxes moldeadas polo sistema fluvial do Ulla-Deza ata a súa desembocadura na ría de Arousa ou a ruta dos muíños de vento de San Miguel.
 

Imaxes relacionadas