A Xunta amplía a Catoira, Meis, As Neves, A Cañiza e Forcarei as axudas para a posta en marcha de programas de conciliación

A Administración autonómica vén de acometer unha ampliación de crédito nesta liña de axudas, que beneficiará a cinco concellos máis da área territorial

Súmanse aos 53 concellos da provincia que resultaron beneficiarios na convocatoria inicial da orde que, ademais de conciliación, incluía outros programas de fomento da igualdade, como sensibilización ou o mantemento dos Centros de Información á Muller
 

Pontevedra, 30 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia financiará programas de conciliación doutros 5 concellos da área territorial de Pontevedra, logo de que a Administración autonómica ampliara esta liña de axudas destinada aos concellos. A nivel provincial, tamén se beneficiarán desta ampliación Vigo e Soutomaior.

En concreto, os novos beneficiarios son Catoira, con 10.720 euros, Meis, con preto de 4.000 euros, As Neves con 12.000 euros, A Cañiza con 4.052 e Forcarei con 12.000 euros.

Entre os programas que se desenvolverán se encontran campamentos de verán e de conciliación familiar, programas educativos e de fomento de conciliación en concellos e centros sociais.

Estas novas concesións inscríbense dentro da ampliación de crédito que vén de acometer a administración autonómica na liña de axudas a concellos para programas de conciliación. En toda Galicia, o incremento orzamentario supera os 220.000 euros, co fin de chegar a máis concellos, moi especialmente tendo en conta a demanda rexistrada e o elevado interese que xeran estas accións de conciliación.

Cómpre recordar que o programa de fomento de conciliación non é a única liña de axudas destinada a concellos para a promoción da igualdade. Ademais dela, a Xunta pon a disposición dos concellos galegos outros tres programas de financiamento: de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero; de financiamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Os tres primeiros están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, mentres que o último está financiado ao abeiro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Na provincia de Pontevedra, en total beneficiaranse destas catro ordes de axudas 50 entidades e 53 concellos, cun importe total de subvencións de 1.483.182 euros.

En total, entre a primeira e a segunda concesións recibiron axudas do programa de conciliación un total de 14 concellos (Cerdedo-Cotobade, Arbo, Cuntis, Pontecesures, Redondela, Silleda, Valga, así como Catoira, Neves, Meis, Vigo, Soutomaior, Forcarei e A Cañiza); 18 concellos (Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cuntis, O Grove, A Guarda, Moaña, Porriño, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Soutomaior Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa) recibiron tamén subvencións para a promoción da igualdade, para levar a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual. Tamén resultaron beneficiarios os 27 Centros de Información á Muller que hai na provincia. E, finalmente, 19 concellos da provincia (Cerdedo-Cotobade, Arbo, Campo Lameiro, Catoira, Covelo, Cuntis, A Guarda, Meis, Mondariz, Moraña, Mondariz-Balneario, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Portas, Pontecesures, Rodeiro, O Rosal e Silleda) recibiron axudas a través do programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade.