A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Tambre ao seu paso polos concellos de Oroso, Santiago, Val do Dubra, Negreira e Ames

Estas tarefas desenvólvense en distintos tramos do río ao longo de 9,3 quilómetros

A intervención forma parte das actuacións de mantemento que vén realizando Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

No marco desta actuación tamén se está a traballar no río Carboeiro (Oroso), no rego do Muíño e Sigüeiro (Santiago), no río Dubra (Val do Dubra), no rego da Portela (Negreira) e no rego da Pateleira (Ames)
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Tambre, ao seu paso polos concellos de Oroso, Santiago, Val do Dubra, Negreira e Ames.

Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo de preto de 9,3 quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido destes ríos por distintos lugares destes municipios.

As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI). No marco destes traballos están tamén desenvolvéndose actuacións no río Carboeiro (Oroso), no rego do Muíño e Sigüeiro (Santiago), no río Dubra (Val do Dubra), no rego da Portela (Negreira) e no rego da Pateleira (Ames).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta na canle. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos e regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas