A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Permanece activo e decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que afecta provisionalmente unhas 1.000 hectáreas de superficie

Segue controlado o lume do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que afecta provisionalmente unhas 720 hectáreas (450 forestais e 270 agrícolas)
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

Cualedro

Permanece activada como medida preventiva a Situación 2 no incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, debido a que onte pola tarde o lume se aproximou ao núcleo de San Cristovo, pertencente ao municipio de Monterrei. Arestora non hai perigo para ningún núcleo de poboación. O lume, que se rexistrou onte ás 14,15 h. permanece activo, pero evoluciona favorablemente.

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 1.000 hectáreas, das cales hai parte agrícola e forestal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción lévanse mobilizado 1 técnico, 17 axentes, 51 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 11 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Monterrei

Segue controlado desde as 11,52 h. de onte o lume do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que se iniciara o pasado venres. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 720 hectáreas. Delas, 450 son forestais (400 rasas e 50 arboradas) e as restantes 270 ha son agrícolas. Para a extinción deste incendio lévanse mobilizado 4 técnicos, 33 axentes, 88 brigadas, 36 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural