Anxo M. Lorenzo salienta o compromiso da Xunta coa transformación dixital dos xestores culturais

O director xeral de Políticas Culturais participou na presentación do Plan de formación dirixido a profesionais e desempregados

Realizada en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural inclúe sete cursos online de setembro a decembro

Esta medida está incluída no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico para favorecer a recuperación destas industrias tras a crise sanitaria
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á presentación telemática do Plan de formación dos xestores culturais para mellorar as competencias dixitais posto en marcha pola Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). Como explicou, trátase dunha actividade esencial recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico impulsado polo Goberno galego que contribuirá á recuperación destas industrias.

O proxecto, froito dun convenio de colaboración entre a AGPXC e o Goberno galego, inclúe a celebración de sete cursos en liña que se celebrarán entre os meses de setembro e decembro. Os cursos estarán impartidos por especialistas docentes e contarán cunha orientación práctica para que os participantes poidan identificar e aplicar as estratexias e ferramentas dixitais máis adecuadas aos obxectivos, contidos e equipos da súa entidade.

A metodoloxía será online, permitindo unha aprendizaxe flexible ao ritmo do alumnado. O número mínimo de participantes será de 20 persoas e o máximo de 80. En paralelo, habilitarase un servizo de atención telemática de 10,00h a 18,00h. para resolver calquera dúbida dos usuarios sobre a plataforma. Como explicou Anxo M. Lorenzo durante a presentación, os cursos estarán dirixidos a profesionais do sector cultural, tanto público como privado, a persoas desempregadas con experiencia ou formación no sector cultural, a alumnado de cursos de especialización e máster cunha orientación profesional neste eido.

Propiedade intelectual e márketing


Entre os asuntos que se abordarán destacan materias como a propiedade intelectual na xestión e creación dixital, o márketing cultural no mundo dixital, as ferramentas dixitais para proxectos creativos, a comunicación e colaboración en contornas dixitais, o desenvolvemento de audiencias ou a participación cultural en tempos de distancia social.

A través desta iniciativa, a Xunta de Galicia afonda no seu compromiso por dotar ao sector dos xestores culturais de ferramentas precisas para adaptar as súas competencias e as súas actividades ao actual escenario de transformación dixital da cultura.