Activada como medida preventiva a situación 2 no incendio forestal activo no municipio ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao

Esta situación operativa decrétase pola proximidade do lume, que afecta provisionalmente unhas 60 hectáreas, ao núcleo de San Cristovo, pertencente ao municipio de Monterrei

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa de que se vén de activar como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao. Esta situación operativa de emerxencia decretouse pola proximidade do lume ao núcleo de San Cristovo, pertencente ao municipio de Monterrei.

Este incendio comezaba ás 14,15 h. desta tarde e arestora permanece activo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 60 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 5 axentes, 15 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 11 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural