Esta actuación enmárcase nas obras de mellora dos accesos aos centros hospitalarios públicos de Santiago, que contan cun investimento global duns 460.000 euros

A Xunta traballa desde hoxe na mellora dos aparcadoiros, firmes e beirarrúas do Hospital Provincial de Conxo

Estas obras comezaron co fresado e aglomerado de zonas de aparcadoiro e para a próxima semana están programados traballos de sinalización horizontal

A intervención realízanse en paralelo ás obras que se están a executar desde a noite deste luns no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

A mellora abrangue actuacións tamén no Hospital Psiquiátrico de Conxo, ademais de no CHUS, no Gil Casares e no Provincial

O obxectivo é favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais

Os traballos forman parte dun contrato máis amplo para actuar nos accesos dos hospitais públicos da provincia, adxudicado por un importe global superior aos 825.000 euros
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar desde hoxe na mellora dos aparcadoiros, firmes e beirarrúas do Hospital Provincial de Conxo, actuacións que se enmarcan nas obras de mellora dos accesos aos centros hospitalarios públicos de Santiago que está a levar a cabo.

Os traballos contan cun investimento global da Xunta próximo aos 460.000 euros e xa están en execución no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), no Gil Casares e no Hospital Provincial e tamén se levarán a cabo no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

As obras de mellora iniciadas hoxe no contorno do Hospital Provincial de Conxo consistirán no fresado e reposición de firme en zonas localizadas, tamén reposición de beirarrúas e habilitación de aparcadoiros.

Estes traballos comezaron polo aglomerado dunha zona de aparcadoiro (a marcada no mapa explicativo como zona 1) e, paralelamente, co fresado doutras dúas zonas dedicadas ao estacionamento para proceder, xa esta tarde, ao seu aglomerado (zonas 2 e 3 do mapa). Entre esta tarde e o xoves tamén se fresará e aglomerará a zona pendente (zona 4). Durante a realización destes traballos sempre se deixará un carril de circulación alternativo mediante sinalistas. Na seguinte semana están programados os traballos de sinalización horizontal.

En paralelo continúan os traballos iniciados na noite deste luns nas inmediacións do CHUS, co desmontado dunha zona na que existe un terraplén co obxectivo de habilitala e destinala a aparcadoiro. Esta intervención, que se acomete fundamentalmente en horario nocturno para evitar afeccións, está previsto rematala en catro xornadas. Nas seguintes semanas procederase á reparación de firmes no contorno deste centro hospitalario.

As obras nos centros hospitalarios públicos de Santiago de Compostela veranse completadas coas intervencións que se realizarán no Hospital Psiquiátrico de Conxo en vindeiras semanas, consistentes na mellora do firme e na demolición e reposición do pavimento existente.

O obxectivo destas intervencións é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos dos centros hospitalarios na procura de favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións.

Todos estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras están a executarse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios dos complexos, e mesmo a facerse en horario nocturno, para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

As actuacións están enmarcadas nos proxectos de mellora da accesibilidade que se están a impulsar nos principais centros hospitalarios públicos da provincia no marco dun contrato máis amplo, adxudicado á empresa Canarga, S.L., por un importe de máis de 825.000 euros. Deste xeito, as actuacións de mellora nos accesos acometeranse nestes centros hospitalarios públicos de Santiago pero tamén nos de Ferrol, Cee, Barbanza e da Coruña, onde está en plena execución a mellora dos accesos e aparcadoiros do Hospital Teresa Herrera da Coruña.
 

Documentos relacionados