O presidente da Xunta en funcións reuniuse esta mañá co embaixador de Portugal en España, João Mira Gomes

Feijóo avalía co embaixador de Portugal a posibilidade de incluír só as zonas de alta incidencia epidemiolóxica do país veciño no protocolo de viaxeiros da Xunta

Se ben no protocolo non se fan diferencias dentro do territorio dos países, agás no caso de España, traslada a necesidade de establecer unha diferenciación con Portugal ante os estreitos laxos que nos unen

Destaca que se trata dun servizo a favor e nunca en contra para que a xente poida vir a Galicia e actuar dunha forma máis rápida no caso de que sexa preciso
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

O presidente do Goberno Galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que nos próximos días o conselleiro de Sanidade reunirase co secretario de Estado de Sanidade para abordar a posibilidade de rexionalizar Portugal dentro do protocolo elaborado pola Xunta, que obriga ás persoas que veñan á Comunidade a comunicar a súa chegada cando procedan doutros territorios cunha incidencia epidemiolóxica 3,5 veces superior á de Galicia.

Se ben no protocolo non se fan diferencias dentro do territorio dos países, agás no caso de España, Feijóo trasladou durante un encontro co embaixador de Portugal, João Mira Gomes, a necesidade de establecer unha diferenciación por zonas de alta incidencia da covid-19 tamén para o país veciño, ante os estreitos lazos que nos unen.

Ao longo da xuntanza, o titular da Xunta en funcións incidiu nos beneficios deste protocolo cuxo obxectivo é facer de Galicia un destino seguro para os galegos e para todos os que a visitan.

Non en van, con esta medida, a Comunidade pon á disposición dos visitantes o servicio sanitario galego. Así, ademais de proporcionar información e recomendacións sanitarias, poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias, podendo promoverse a realización dunha proba diagnóstica independentemente de que se teña sintomatoloxía ou non. E a atención que se considere necesaria polos profesionais do Sergas non terá custo para a persoa que o precise, incluíndo a realización de probas ou, no seu caso, dos tratamentos indicados.

O presidente da Xunta en funcións aseverou que se trata dun servizo a favor e nunca en contra para que a xente poida vir a Galicia, coa finalidade de ter localizadas ás persoas que proveñen dos territorios con maior risco epidemiolóxico e poder actuar, no caso de que sexa preciso, dunha forma máis rápida.
 

Imaxes relacionadas