A Xunta amplía o prazo de presentación de solicitudes para as axudas do Programa Reactiva Comercio e Servizos Seguros

O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participaron hoxe nun encontro dixital con pemes e autónomos organizado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

Destacaron que estes apoios ofrecen achegas de ata 3000 euros para implantar nos negocios medidas de protección fronte o covid-19, que poden ser novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma

Como publicará mañá o DOG, as axudas poderán solicitarse ata o 17 de agosto e poden destinarse á adquisición de equipos de protección, á adaptación de espazos, á realización de obras e á posta á disposición de información para os clientes
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

A Xunta ampliará o prazo de presentación de solicitudes das axudas do programa Reactiva comercio e servizos seguros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá esta medida, tal e como informaron hoxe o director do Igape, Juan Cividanes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, a autónomos e pemes nun encontro dixital organizado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

Os directores xerais destacaron o apoio da Xunta ao esforzo que están a facer os autónomos e as pemes galegas para impulsar a reactivación económica e a protección da saúde de clientes e traballadores e subliñaron que estes apoios ofrecen achegas ata 3000 euros para implantar nos negocios medidas de protección fronte o covid-19.

Cividanes, dunha banda, explicou que a Xunta activou estas liñas de axudas para facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte en condicións de confianza para os consumidores. Autónomos, pemes e entidades de economía social poden optar aos apoios para cubrir os gastos das medidas que se implanten agora como as xa realizadas desde a declaración do estado de alarma, mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados.

A directora xeral de Comercio e Consumo lembrou que os Reactiva comercio e servizos seguros dispoñen dunha dotación de 16 millóns de euros e neles colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade. As axudas cobren os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

Así, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros.

Durante a xornada, Cividanes remarcou outras medidas incluídas no Plan de reactivación económica dirixidas a pemes e autónomos, como as que reforzan a aposta pola dixitalización e a innovación tecnolóxica, ás que se destinan 16 millóns de euros para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a súa adaptación á actual situación derivada da covid-19.

Tamén ao abeiro do Plan, o Goberno galego vén de activar unha liña de microcréditos que facilitará préstamos de entre 3000 e 20.000 euros a cada negocio, con xuros bonificados ao 100% pola Xunta e cun prazo de duración máxima de cinco anos, cun ano de carencia como tope. A iniciativa, dotada con 6,1 millóns de euros de orzamento, e coa previsión de mobilizar ata 50M€ entre microempresas (menos de 10 traballadores), desenvolverase en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs) e as entidades financeiras.

 

Imaxes relacionadas