Un total de catorce empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, en Vilamarín

Esta actuación, licitada por un importe duns 200.000 euros, contará cun prazo de execución de 4 meses

O obxectivo desta intervención é mellorar o abastecemento do polígono industrial, cuxas captacións deficitarias fan insuficiente o subministro en época estival

A actuación nos núcleos da parroquia de San Vicente de Reádegos prevé a substitución do colector existente e dos ramais necesarios para abastecer ás vivendas desta zona

Os traballos no municipio completaranse co acondicionamento das captacións de abastecemento e o seu cerramento perimetral
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020

Un total de catorce empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de acondicionamento das captacións e mellora do abastecemento ao parque empresarial e os núcleos das Quintás e da Ría, no concello de Vilamarín.

Esta actuación, licitada por un importe duns 200.000 euros, teñen un prazo de execución de catro meses.

Os traballos que se levarán a cabo, de acordo co proxecto redactado por Augas de Galicia, teñen como obxectivo a mellora do abastecemento no parque empresarial de Vilamarín, así como a os citados núcleos da parroquia de San Vicente de Reádegos. A Xunta asumirá o 82,6% do seu custo, cun investimento de máis 165.000 euros e o Concello disporá o 17,3% restante, preto de 35.000 euros.

Na actualidade o subministro do parque empresarial depende do depósito de Vilamarín e do de Bouzas, con captacións deficitarias que fan que en época estival o subministro sexa insuficiente; así como do depósito da Pena, que á súa vez se nutre do de Moure, no veciño concello de Coles.

Para mellorar este sistema de abastecemento proxéctase a execución dunha tubaxe de que conectará co ramal que vén do depósito da Pena e, á súa vez, conectará co ramal que abastece ao parque dende o depósito de Bouzas. Isto permitirá formar unha rede cerrada en anel que estabilice o caudal e a presión, e que posibilite tamén ter a opción de encher o depósito de Bouzas no caso de deficiencias.
Executarase tamén unha nova arqueta de cabeceira xunto á existente da que partirán o ramal actual, que discorrerán por camiños ata chegar a un punto de conexión xunto á estrada nacional N-525. Neste punto colocarase unha segunda arqueta e as válvulas de comporta necesarias para regular a interconexión das redes.

A intervención proxectada nos núcleos de Quintás e da Ría vén derivada do mal estado no que se atopa o colector que conecta o depósito radicado en San Vicente de Readegós, do que se abastecen.

Neste núcleos, Augas de Galicia prevé a substitución do colector existente e dos ramais necesarios para abastecer ás vivendas pertencentes a eses núcleos. Instalaranse tamén válvulas redutoras de presión radicadas dentro de arquetas de formigón armado. Ademais, no interior de pozos de rexistro de formigón instalaranse ventosas nos puntos altos, baleirados nos puntos baixos, así como válvulas de comporta e bocas de rego.

Os traballos no concello de Vilamarín completaranse co acondicionamento das captacións de abastecemento existentes e que na actualidade non dispoñen de ningún sistema que impida o acceso ás mesmas. Para iso realizarase o desbroce e cerramento perimetral con dúas filas de bloque de formigón e malla metálica e para o acceso colocaranse portas.