A Xunta garante que seguirá a defender a mobilidade dos veciños de Monforte e demandando ao Goberno de España que repoña os servizos ferroviarios suspendidos pola covid-19

Ethel Vázquez destaca que Galicia “leva tempo sendo castigada” nos servizos de tren, e Monforte “dobremente discriminada”, xa que a covid-19 está a ser empregada como escusa polo Goberno para eliminar o 80% dos servizos

Francisco Conde reclama a reactivación dos servizos para que a comarca poida manter o seu posicionamento económico e responder de xeito efectivo á demanda turística

O municipio rexistra reducións nos trens que superan en varios casos o 60% e afectan ás conexións coa Coruña, Lugo, Ourense, Vigo ou Ponferrada, ademais de non ter tren hotel a Barcelona ou Madrid nin conexión directa co País Vasco

Mentres os servizos de autobús da Xunta funcionan na práctica totalidade, logo da superación do estado de alarma, a recuperación dos servizos ferroviarios é “anecdótica”
 

Monforte de Lemos (Lugo), 28 de xullo 2020

A Xunta garante que seguirá a defender a mobilidade dos veciños de Monforte de Lemos, coa súa aposta decidida polo transporte público que ten a súa máxima expresión na renovación integral das liñas de autobús a través do Plan de Transporte Público de Galicia que está a desenvolver, pero tamén demandando ao Goberno de España que repoña os servizos ferroviarios suspendidos pola covid-19.

Así o manifestaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, que esta mañá supervisaron o remate dos traballos de mellora realizados pola Xunta na estación de autobuses de Monforte, que supuxeron un investimento de 165.000 euros.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou o traballo que vén realizando o Goberno galego para mellorar o transporte público por estrada neste concello, favorecendo unha mobilidade máis sostible e facilitando o acceso dos veciños a servizos básicos contribuíndo, ao tempo, a facer un territorio “máis competitivo e atractivo”.

Unha preocupación que contrasta, dixo, coa evolución que están a rexistrar, en xeral, as infraestruturas e servizos ferroviarios de tren en Galicia e, moi especialmente, no concello de Monforte de Lemos e en toda esa comarca.

Ethel Vázquez lembrou que Galicia leva tempo “sendo castigada” no que atinxe aos servizos de tren e Monforte, unha localidade cunha ampla tradición ferroviaria, “dobremente discriminada” xa que a crise da covid-19 “está a ser empregada como escusa para eliminar o 80% dos servizos ferroviarios deste municipio”.

Monforte de Lemos segue a rexistrar reducións de servizos de tren que superan en varios casos o 60% e que afectan, tanto ás conexións coa Coruña, como con Lugo, Ourense, Vigo e Ponferrada en prexuízo dos usuarios. Ademais, non hai ten hotel a Barcelona ou Madrid nin conexión directa co País Vasco, algo que afecta aos veciños de Monforte, pero tamén aos doutras moitas cidades e vilas galegas.

A titular de Infraestruturas explicou que, mentres os servizos de autobús dependentes da Xunta están a funcionar na práctica totalidade, logo da superación do estado de alarma e de terse levantado as restricións á mobilidade, pola contra, o Goberno de España mantén suspendidas as expedicións ferroviarias en Galicia, sendo a recuperación de servizos ferroviarios “anecdótica”.

“Levamos semanas demandando a reposición dos servizos de tren suspendidos e a Xunta manterá activa esta reivindicación porque ese é o noso deber cos cidadáns que están a ver limitada a súa mobilidade”, asegurou Ethel Vázquez quen tamén reivindicou que Monforte, Lugo e Galicia “precisan dun tren do século XXI”, algo que pasa, indicou, por manter servizos pero tamén por cumprir os compromisos de mellora de infraestruturas mediante “o avance serio e decidido para a conexión desta liña ferroviaria coa alta velocidade”.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, tamén sinalou a importancia fundamental que cobra a conexión ferroviaria para a competitividade e a accesibilidade á hora de impulsar o turismo na Ribeira Sacra. Deste xeito, Conde reclamou ao Goberno central a reactivación dos servizos ferroviarios paralizados para que a comarca poida manter o seu posicionamento económico e responder de xeito efectivo á demanda turística.


Mellora dos servizos de transporte por estrada e das infraestruturas

A responsable de Infraestruturas e Mobilidade enmarcou os traballos de renovación e mellora realizados na estación de autobuses de Monforte na aposta do Goberno galego polo transporte público que se está a traducir, tanto na mellora das infraestruturas, como dos servizos, a través do Plan de Transporte Público de Galicia, co que se está levando a cabo unha modernización integral das liñas e incrementando os servizos que se lle prestan aos cidadáns, co obxectivo de responder mellor ás necesidades de mobilidade dos galegos, especialmente do rural.

Os traballos levados a cabo na terminal de autobuses da localidade supuxeron un investimento autonómico de 165.000 euros e permitiron actuar na cuberta e nas dársenas, coa reparación e renovación de pavimentos, tamén mellorar os aseos, renovar as fiestras do primeiro andar e instalar novos equipamentos, como pantallas de información para os usuarios e bancos para facer máis cómoda a espera dos viaxeiros.

A estación rexistra preto de 23.000 expedicións ao ano, entre entradas e saídas. Os desprazamentos desde Monforte teñen como principais destinos a capital da provincia, Lugo, así como a cidade de Ourense ou o Barco de Valdeorras, ademais do eixe Lalín-Santiago.

“Temos moi en conta a condición de Monforte como cabeceira de comarca e corazón estratéxico da Ribeira Sacra, que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade”, salientou Ethel Vázquez, quen incidiu en que os traballos executados teñen como finalidade dotar aos veciños e usuarios do transporte público dunhas “instalacións máis cómodas e eficientes”.

Con este obxectivo, nos últimos meses o Goberno galego levou a cabo obras de mellora en seis estacións de autobuses da provincia: ademais da de Monforte de Lemos, tamén nas de Sarria, Burela, Ribadeo e Viveiro, ademais da estación de autobuses de Lugo, destinando un investimento global de preto de 760.000 euros.
 

Imaxes relacionadas