A Xunta incrementa as axudas dirixidas ás galerías de arte que participan en feiras e mercados fóra de Galicia

O DOG publica a convocatoria desta subvención para apoiar a internacionalización do labor destes profesionais do sector cultural que ascende ata os 85.000 euros

As axudas inclúense nas medidas de apoio ás artes plásticas do Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico do Goberno galego

O prazo para presentar solicitudes é dun mes contado a partir de hoxe e poderán beneficiarse os que asistiron a eventos antes da covid-19 ou nos vindeiros meses
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde pola que se establecen as bases para apoiar ás galerías de arte na súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade galega. Trátase dunha medida que se enmarca no Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico da Xunta de Galicia que este ano incrementa en 50.000 euros a súa dotación ata chegar aos 85.000 euros ¬e da que se poderán beneficiar os profesionais que asistiron a este tipo de eventos na etapa anterior ao covid-19 ou que o farán nos vindeiros meses.

Este é o segundo ano que se convoca unha liña de subvencións específica para este tipo de proxección, o que amosa por unha banda o apoio a arte contemporánea a través do traballo das galerías de arte, e pola outra, o compromiso coa internacionalización da proxección exterior da cultura galega. Así, tal e como recolle o DOG, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 4.000 euros, o que supón o dobre que o establecido na orde do pasado exercicio. As subvencións tamén se incrementan no caso de que os profesionais asistan a eventos internacionais pasando dos 4.000 euros máximos fixados en 2019 aos 6.000 que poden recibir nesta edición.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe e poderán ser beneficiarias da subvención as persoas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro.

Sector fundamental
As galerías de arte constitúen un sector fundamental e contribúen a promover e difundir novos valores artísticos, tanto no resto de España como no estranxeiro máis alá da súa actividade comercial. Co obxectivo de propiciar a asistencia destes profesionais a eventos internacionais, o Goberno galego decidiu incluír estas axudas no Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico que, no marco das medidas culturais, inclúe unha batería específica para apoiar o traballo destas entidades, así como a labor das artes plásticas.

Dentro das medidas creadas para reactivar as artes plásticas inclúense tamén a adquisición de obras a artistas galegos, as axudas para os creadores visuais (artistas e comisarios), a celebración dunha nova edición do Encontro de Artistas Novos (EAN) que se celebrará no mes de agosto na Cidade da Cultura co obxectivo de potenciar novos talentos, e o apoio ás actividades desenvolvidas pola Asociación Contemporánea de Galerías de Arte de Galicia.
 

Imaxes relacionadas