A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Continúa activo, malia que evoluciona favorablemente, o lume do concello lugués de Quiroga, parroquia da Enciñeira, que afecta provisionalmente unha superficie de arredor de 20 hectáreas

Quedou controlado o incendio rexistrado no concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, e que afecta unhas 720 hectáreas (450 forestais e 270 agrícolas)
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Quiroga

Permanece activo desde as 2,47 h. desta madrugada o lume do concello lugués de Quiroga, parroquia da Enciñeira, que afecta unhas 20 hectáreas de superficie, segundo as últimas estimacións. Para o control deste incendio, que evoluciona favorablemente, lévanse mobilizado 2 axentes, 10 brigadas, 3 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 3 avións.

Monterrei

Está controlado desde as 11,52 h. deste mediodía o lume rexistrado no concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que se iniciaba o pasado venres. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 720 hectáreas. Delas, 450 son forestais (400 rasas e 50 arboradas) e as restantes 270 ha son agrícolas. Para o seu control lévanse mobilizado 4 técnicos, 30 axentes, 75 brigadas, 34 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural