A Xunta apoia a través de FEST Galicia o novo formato do SonRías Baixas de Bueu cos concertos de Arco e Rayden

O festival é un dos 13 integrantes da marca impulsada polo Goberno galego, aos que destina 400.000 euros no marco do Plan de reactivación do sectores cultural e turístico

O director da Agadic asistiu hoxe á presentación desta versión alternativa do encontro, que terá lugar o venres e o sábado rebautizado como MicroSonRías Baixas

Bueu (Pontevedra), 27 de xullo de 2020

O festival SonRías Baixas de Bueu presentou hoxe a versión alternativa que desenvolverá este venres 31 de xullo e o sábado 1 de agosto, cos concertos acústicos de Arco e Rayden como epicentro dun programa que incluirá tamén varias sorpresas musicais en espazos singulares da localidade pontevedresa. Nesta edición, rebautizada como MicroSon Rías Baixas, o festival volverá contar co apoio económico da Xunta de Galicia como un dos 13 eventos da marca FEST Galicia, que este ano están a reinventar as súas propostas para se adaptar á situación provocada pola covid-19, pero mantendo as características que os asocian á iniciativa do Goberno autonómico: calidade, respecto ao medio ambiente e responsabilidade social.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou hoxe os representantes da organización e do resto de entidades colaboradoras na presentación do encontro, que terá lugar no Recinto Multiusos da Estacada de Bueu. Cun formato reducido e moi coidado de concertos “desenchufados, pero amplificados”, o festival mantén a súa cita anual co público, á espera de retomar a súa edición completa na primeira semana de agosto de 2021.

Medida do Plan de reactivación

Así o destacou o representante da Consellería de Cultura e Turismo na súa intervención, na que subliñou o compromiso da Xunta cos eventos FEST Galicia, para os que reservou 400.000 euros do seu Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico co obxectivo de facilitar a súa adaptación ao actual contexto a través de diferentes actividades particularizadas e consensuadas tanto coa Asociación de Festivais de Galicia como con cada unha das citas integradas.

“A nova forma que están a tomar os nosos festivais está a representar un novo reto de xestión, unha planificación diferente, que ha de ser a que nos permitirá continuar a ter estes eventos a carón de nós nos vindeiros anos”, sinalou.

Sutil felicitou os directores do SonRías Baixas, Berta Domínguez e Jordi Lauren, á fronte da promotora PlayPlan, pola súa capacidade de reacción e a súa profesionalidade á hora de redeseñar un evento destas características, priorizando o acceso á cultura e a seguridade do público, artistas e persoal técnico. Neste sentido, serán ata un máximo de 800 persoas as que se poderán dar cita o venres e o sábado no recinto da Estacada para os respectivos concertos de Arco e Rayden.

Así mesmo, o MicroSonRías redefine o concepto de Destino SonRías, conxugando a programación musical cunha proposta de ocio activo, gastronómico e natural, profundamente integrada no territorio. Con tal fin, varios artistas visitarán algúns dos espazos máis singulares da comarca, onde ofrecerán pequenas actuacións e probarán algunhas xoias da gastronomía das Rías Baixas.

Imaxes relacionadas