Un total de catorce empresas presentan as súas ofertas para executar a nova depuradora de Sergude, en Boqueixón, para a mellora do saneamento

Esta actuación, licitada por máis de 1,8 millóns de euros, conta cun prazo de execución de 12 meses

Trátase de mellorar as infraestruturas de saneamento e unificar o tratamento das augas residuais nos núcleos de Sergude e Lestedo

Construirase unha nova instalación, deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, xunto á xa existente para triplicar a capacidade da depuradora actual

A actuación enmárcase nun convenio de colaboración co Concello, que asume a posta á disposición dos terreos e a conservación cando rematen os traballos financiados maioritariamente pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Un total de catorce empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras da nova estación depuradora de augas residuais de Sergude, en Boqueixón, por un importe de máis de 1,8 millóns de euros.

Esta actuación para a mellora do saneamento no municipio conta cun prazo de execución de 12 meses.

A intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez, ten por obxectivo mellorar as infraestruturas de saneamento nos núcleos de Sergude e Lestedo e unificar o tratamento das súas augas. A capacidade de tratamento das augas residuais da depuradora existente, deseñada para 1.000 habitantes equivalentes resulta insuficiente.

Os traballos consistirán na execución da estación depuradora de augas residuais en Sergude e colectores, deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, o que permitirá triplicar a capacidade da depuradora actual.

Esta depuradora situarase xunto á xa existente e, mentres se acometen as obras, a actual estación de tratamento de augas residuais permanecerá en servizo. A nova depuradora incluirá os seguintes procesos: liña de auga, liña de fangos e redes auxiliares de proceso.

Estas obras, inscríbese no marco do convenio de colaboración asinado co Concello de Boqueixón e Augas de Galicia, que se encarga de achegar a maior parte do financiamento e contratar a execución das obras, correspondéndolle á entidade local o cofinanciamento, a xestión dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e a asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os traballos.

As actuacións contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.