Conde sinala que a formación e o emprego son o camiño para a integración das persoas que precisan máis apoio

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe o traballo que desenvolve a empresa de inserción laboral Grupo Dill en Lugo que traballa con menores e persoas desempregadas en risco de exclusión social

Con máis de dez anos de experiencia neste ámbito, a compañía conta cunha media de inserción laboral do 60%

Conde destacou que a Administración autonómica aposta pola inclusión no mercado de traballo dos colectivos máis vulnerables para acadar unha Galicia máis igualitaria, participativa, solidaria e xusta

A nova Axenda de Emprego inclúe diversas iniciativas para favorecer a contratación das persoas que máis o precisan como o programa dirixido a proxectos integrais de inserción de persoas perceptoras da RISGA ou os instrumentos financeiros para a economía social

A Xunta destinou máis de 40M€ ao ano ao fomento do emprego inclusivo na pasada lexislatura e só en 2019 investiu 42M€ na contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social
 

Lugo, 27 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Lugo, na visita que desenvolveu á empresa de inserción laboral Grupo Dill, que a formación e o emprego son o camiño para garantir unha integración plena na sociedade das persoas que precisan máis apoio. Así, sinalou que a inclusión no mercado de traballo dos colectivos máis vulnerables é o principal reto das políticas de emprego da Xunta e, polo tanto, da nova Axenda de Emprego, que aprobou o Goberno galego o pasado mes de xuño para a recuperación do emprego de calidade e que vai en consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica.

Conde puxo en valor o traballo que desempeña o Grupo DILL, con máis de dez anos de experiencia neste ámbito, ao contribuír activamente na inserción dos mozos e mozas que están a buscar una oportunidade laboral, incidindo na importancia da formación para o emprego para garantir unha inclusión efectiva no mercado de traballo.

O Grupo Dill traballa a favor da inserción sociolaboral de persoas desempregadas que se atopan en risco de exclusión social e de menores usuarios de centros tutelados pola Fundación Dignidade. Pasiño a pasiño, construíndo un Lugo máis inclusivo é o lema desta empresa que conta cunha media de inserción laboral do 60%. Os seus traballadores, ademais de contar cunha oportunidade laboral, aprenden un oficio. Entre os labores que desempeñan destacan o mantemento de edificios públicos, servizos de limpeza, o desenvolvemento de proxectos e obras, xardinería, restauración de mobiliario e atrezo para eventos.

O titular de Economía sinalou que falar de inclusión laboral é falar de formación, fortaleza e futuro e subliñou que a Xunta segue apostando por facilitar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables para acadar unha Galicia máis igualitaria, máis participativa, máis solidaria e máis xusta.

A nova Axenda de Emprego inclúe diversas iniciativas neste ámbito entre as que resaltou o programa de posta a punto para o emprego ao que o Goberno galego destina tres millóns de euros para apoiar proxectos integrais de inserción de persoas perceptoras da RISGA; e os instrumentos financeiros para a economía social, que cun investimento de oito millóns de euros, pretenden cubrir as necesidades das pemes afectadas polo covid-19, dos que se beneficiarían tamén as empresas de inserción laboral.

A Xunta destinou máis de 40 millóns de euros ao ano ao fomento do emprego inclusivo con servizos de orientación, formación, contratación e autoemprego e só en 2019 investiu 42 millóns de euros á contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
 

Imaxes relacionadas