A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Extinguido o lume do concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que segundo a medición definitiva afectou 210,47 hectáreas

Extinguido o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que afectou unha superficie de 143,93 hectáreas

Permanece activo o incendio do municipio ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que segundo as últimas estimacións afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas, parte delas correspondentes a superficie agrícola
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Viana do Bolo

Extinguido ás 12,30 h. o incendio forestal do municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que se orixinara o pasado xoves. Segundo a medición definitiva, a superficie afectada foi de 210,47 hectáreas: 159,3 ha de monte raso e o resto arboradas.

Cómpre lembrar que ao iniciarse este lume localizáranse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, rexistrouse a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o control deste incendio mobilizáronse en total 1 técnico, 22 axentes, 51 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Verín

Extinguido ás 12,31 h. o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que se iniciara o mércores. Segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 143,93 hectáreas: 105,48 ha arboradas e o resto monte raso. Neste lume traballaron en total 1 técnico, 17 axentes, 35 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

Monterrei

Permanece activo desde que se orixinou ás 17,05 h. do venres o incendio do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que segundo as últimas estimacións afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas. Ao longo do día, continuará avaliándose que parte da superficie é forestal e cal se corresponde con parcelas agrícolas. Para o control deste lume mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 22 axentes, 42 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).


A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural