A Xunta recibe dúas ofertas para a explotación durante os vindeiros 5 anos da nova estación de autobuses da intermodal de Ourense

Este contrato, por un valor duns 1,17 millóns de euros, ten como obxectivo que a adxudicataria se encargue da explotación da nova terminal da Ponte a partir de comezos de outono

A xestión do servizo público da nova terminal inclúe a explotación dos locais, servizos complementarios e das zonas comúns, xunto coa explotación publicitaria

Estímase que a nova terminal de autobuses acadará os 400.000 viaxeiros ao ano, un 12% máis que a actual

Tamén se avanza na contratación das obras de demolición da estación do Pino, cun investimento de máis de 523.000 euros, á que se presentaron dezasete empresas
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir dúas ofertas para a explotación da nova terminal de autobuses da intermodal de Ourense, por un valor estimado de 1,17 millóns de euros e por un período de 5 anos.

Este contrato, ao que se presentaron 4 empresas –unha das ofertas procede da unión temporal de tres empresas-, ten como obxectivo trasladar os servizos e a actividade da actual terminal de autobuses do Pino cara ao novo complexo intermodal da Ponte a partir de comezos de outono.

O contrato de concesión inclúe a xestión do servizo público correspondente á nova terminal de autobuses, a xestión e explotacións dos locais e servizos complementarios, das zonas comúns da terminal e tamén a explotación publicitaria.

Estímase que a nova terminal de autobuses do barrio da Ponte acollerá arredor de 79.000 expedicións ao ano, o que significa un incremento de máis do 21%, e preto de 400.000 viaxeiros, un 12% máis.

A nova terminal de autobuses integrada na terminal do AVE permitirá ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, contará cun sistema que rexistrará todos os datos de actividade e facilitará, por exemplo, información aos pasaxeiros do tempo estimado de chegada ou saída de cada un dos servizos.

Nestes momentos tamén están en proceso de contratación as obras de demolición da actual estación de autobuses, cun investimento de máis de 523.000 euros, á que se presentaron un total de dezasete empresas. Os traballos de demolición iniciaranse cando remate a construción da nova estación de autobuses integrada na terminal do AVE.