A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Permanece activo o incendio do municipio ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que segundo as últimas estimacións afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas, parte delas correspondentes a superficie agrícola

Segue controlado o lume do concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que afecta unha superficie provisional de 250 hectáreas

Mantense controlado o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que afecta provisionalmente unha superficie de 144 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

Monterrei


Permanece activo desde que se orixinou ás 17,05 h. do venres o incendio do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que segundo as últimas estimacións afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas. Ao longo do día, continuará avaliándose que parte da superficie é forestal e cal se corresponde con parcelas agrícolas. Para o control deste lume mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 22 axentes, 41 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Viana do Bolo

Segue controlado desde as 16,17 h. de onte o incendio forestal do municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que se orixinou o pasado xoves. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 250 hectáreas.

Ao iniciarse este lume localizáronse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, cómpre lembrar tamén que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o control deste incendio mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 20 axentes, 49 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Verín

Continúa controlado desde as 14,43 h. do venres o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que se iniciara o mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas. Neste lume levan traballado ata o de agora 1 técnico, 17 axentes, 35 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.


A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural