A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Estabilizado o lume do concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que afecta unha superficie provisional de 250 hectáreas

Segue activo o incendio do municipio ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que segundo as últimas estimacións afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas

Mantense controlado o lume do concello ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Viana do Bolo

Estabilizado desde as 13,20 h. desta tarde o incendio forestal do municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que se orixinara o pasado xoves. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 250 hectáreas.

Ao iniciarse este lume localizáronse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, cómpre lembrar tamén que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o control deste incendio mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 17 axentes, 46 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Monterrei

Permanece activo desde que se orixinou ás 17,05 h. de onte o incendio do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 450 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 13 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Verín

Continúa controlado desde as 14,43 h. de onte o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que se iniciara o mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas. Neste lume levan traballado ata o momento 1 técnico, 16 axentes, 31 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.


A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural