A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Xunco, no concello de Cervo

Os traballos desenvólvense nun tramo do río de 380 metros, na parroquia de Rúa

As actuacións céntranse na roza selectiva e poda puntual na marxe dereita do río, entre o corpo da presa e a cola do encoro de Rúa, para que haxa un sendeiro libre de vexetación para inspección e toma de mostras
 

Santiago de Compostela, 25 de xullo 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Xunco, no concello de Cervo.

Estas tarefas estanse a levar a cabo nun tramo do río de 380 metros, na parroquia de Rúa (Santa María).

As actuacións céntranse na roza selectiva e poda puntual, na marxe dereita do río, entre o corpo da presa e a cola do encoro de Rúa, para que haxa un sendeiro libre de vexetación para inspección e toma de mostras. Tamén se inclúen os traballos de retirada de árbores caídas e madeira morta acumulada na canle do río.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas