A Xunta inicia este luns as obras da nova senda na PO-225 entre Alba e San Caetano, en Pontevedra

A actuación suporá un investimento próximo aos 640.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións necesarias

Nas próximas semanas, conforme avancen os traballos, prevense afeccións ao tráfico que serán comunicadas coa debida antelación

Construirase un itinerario duns 600 metros, coincidindo coa traza do Camiño Portugués, para reforzar a seguridade viaria de veciños e peregrinos
 

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará este luns os traballos de construción da nova senda peonil na estrada autonómica PO-225 entre Alba e San Caetano, en Pontevedra.

A actuación suporá un investimento da Xunta próximo aos 640.000 euros, tendo en conta o pagamento aos titulares das 36 fincas necesarias para levar a cabo os traballos, e conta cun prazo de execución de 6 meses.

En vindeiras semanas, conforme avancen os traballos, prevense afeccións ao tráfico, que serán comunicadas coa debida antelación.

Construirase unha senda duns 600 metros no treito da estrada PO-225, que conecta as poboacións de Alba e San Caetano e as empresas situadas na zona, e que que coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués.

A senda executarase pola marxe esquerda da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+370 e o 0+940, e desde o 0+820 ao 0+910 pola marxe dereita.
Para acometer este itinerario será necesario rectificar a curva existente entre os puntos quilométricos 0+860 e 0+940; reordenar a intersección no punto 0+910, mellorando a súa seguridade; e instalar unha pasarela de 13,10 m de lonxitude sobre o río Cortes, que permite evitar o tránsito de peóns por un punto estreito da estrada.

Esta intervención ten por finalidade incrementar a seguridade de veciños e dos peregrinos nos seus desprazamentos polo Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano.

O obxectivo da Xunta é ter finalizados os traballos este mesmo ano e que a senda estea lista para ser empregada polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo 2021. O itinerario foi planificado polo Goberno galego no marco do Plan de Sendas na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.