Declarada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no municipio ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz

Esta situación operativa decrétase pola proximidade do lume, que afecta provisionalmente unhas 150 hectáreas, ao núcleo da Salgueira

Tamén está solicitada a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME)
 

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural vén de declarar como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz. Esta situación operativa de emerxencia decretouse ás 22:42 h. desta noite pola proximidade do lume ao núcleo da Salgueira.

Este incendio comezaba ás 17,05 h. desta tarde e arestora permanece activo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 150 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 4 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 9 avións. Tamén está solicitada a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural