A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Continúa activo o lume no concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie provisional de arredor de 190 hectáreas

Permanece estabilizado o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que de acordo coas últimas estimacións afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Viana do Bolo

Desde as 20,28 h. de onte permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 190 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.

Ao iniciarse este lume localizáronse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, cómpre lembrar tamén que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 9 axentes, 31 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Verín

Continúa estabilizado desde as 12,49 h. de onte o incendio do concello ourensán de Verín, parroquia de Queirugás. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse en total 1 técnico, 14 axentes, 26 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural