A Xunta pon en valor o seu apoio a unha formación especializada e a medida das necesidades do tecido produtivo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Ames aos alumnos e alumnas que participan no obradoiro e no programa integrado de emprego

Destacou que a cualificación de calidade é o camiño para a creación de emprego e sinala que estes programas, en colaboración cos concellos e entidades, contribúen a este reto

Os 20 participantes no obradoiro están recibindo formación en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, ao tempo que contan cun contrato de traballo

Os 100 alumnos e alumnas do programa integrado están a coñecer técnicas e ferramentas útiles que facilitan o acceso ao mercado laboral
 

Ames (A Coruña), 24 de xullo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe en Ames o apoio da Xunta aos programas de formación especializada e a medida das necesidades do tecido empresarial na visita que desenvolveu ao obradoiro e ao programa integrado que o concello de Ames comparte con Brión.

Casal sinalou que a cualificación de calidade é o camiño para a creación de emprego e subliñou que estes programas, que se realizan en colaboración cos concellos e entidades, contribúen a este reto. Así mesmo, indicou que a formación é dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade e das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

No obradoiro de emprego Renova Ames-Brión III están a participar 20 alumnos e alumnas que se están formando, ao tempo que acceden a un contrato laboral, na especialidade de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Os traballadores levarán a cabo a instalación de oito módulos fotovoltaicos en Ames e Brión. Ao finalizar o programa, os alumnos poderán acceder a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

O director xeral lembrou que a Xunta desenvolve os obradoiros de emprego en colaboración cos concellos e entidades indicando, ao respecto, que a cooperación é clave para a recuperación económica e a mellora do mercado de traballo. De feito, durante o desenvolvemento do obradoiro, varias empresas mostraron o seu interese por contratar a algúns dos alumnos unha vez obteñan o certificado de profesionalidade.

A Xunta está a investir 22,3 millóns de euros no desenvolvemento de 77 obradoiros de empregos nos que están a participar máis de 1400 persoas sen emprego. Dos 77 programas un total de 57 son obradoiros duais que a Administración autonómica financia con preto de 19 millóns de euros. Dentro destes, 11 están centrados no eido forestal e 3 no Camiño de Santiago.

Programa integrado

Con respecto ao programa integrado de emprego Inserames-Brión XII, un total de 100 desempregados están recibindo formación e orientación ao longo de 12 meses. A iniciativa estenderase ata o próximo 31 de xaneiro de 2021 ao ampliarase a duración polo período similar ao que estivo suspendida pola pandemia. O obxectivo de inserción laboral desta actividade é do 40% acadando na actualidade un 20%.

Os alumnos e alumnas, neste momento, están a realizar un curso de coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego e a finais de mes está previsto que reciban a formación necesaria para obter un certificado de profesionalidade en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Os participantes nos programas integrados acceden a formación en diversas especialidades, ao tempo que teñen a oportunidade de coñecer técnicas e as ferramentas necesarias para a busca dun emprego. Contan, ademais, cun itinerario personalizado para a súa inserción no mercado laboral. Algúns dos programas integrados tamén inclúen prácticas profesionais non laborais en empresas.

No estado de alarma, os programas integrados continuaron coa actividade vía on line coa posta en marcha dunha plataforma de teleformación no que se incluíu un catálogo de máis de 250 cursos, que seguirá en marcha ata o final do programa. Tamén se levaron a cabo titorías e sesións de asesoramento virtuais, tanto individuais como grupais.

A Xunta desenvolve na actualidade 46 programas integrados cun investimento de máis de 10,5 millóns de euros dos que 2 millóns resérvanse para programas específicos para mulleres. En total, poderán beneficiarse 4600 persoas sen emprego.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta, en global, cun plan galego de formación que permitirá a cualificación de máis de 30.000 galegos e galegas a través de 3000 cursos.
 

Imaxes relacionadas