O presidente da Xunta en funcións asistiu este mediodía á clausura da XX Asemblea xeral de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar

Feijóo afirma que a anticipación seguirá a ser un elemento clave na loita contra a pandemia e na reactivación económica e social

Expresa o convencemento de que a empresa familiar ocupará un papel fundamental na reactivación

“Queremos unha Galicia que medre solidamente, cunha economía fiable, que sexa capaz de planificar, emprendedora, que combine innovación con tradición, que busque a máxima calidade, que sexa competitiva e con capacidade exportadora e que sexa socialmente responsable”, resalta
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020

O presidente do Goberno Galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a anticipación seguirá a ser un elemento clave na loita contra a pandemia e na reactivación económica e social. “Temos que anticiparnos aos problemas para buscar fórmulas de xeito que estes impacten o menos posible”, aseverou durante a clausura da XX Asemblea xeral de socios da Asociación Galega de Empresa Familiar.

Nesta liña, recordou no ámbito sanitario a creación dunha comisión da covid-19 xa no mes de febreiro, así como a adquisición de material sanitario desde o mes de marzo. E no eido económico, referiuse entre outras iniciativas ao aprazamento dos principais impostos autonómicos, unha medida que beneficia cada mes a unhas 32.000 persoas e empresas; á axilización do pago a provedores; ou á posta en marcha dunha liña de préstamos e créditos para pemes e autónomos.

Así mesmo, resaltou a aprobación dun Plan de reactivación económica que, cun investimento público de máis de 1.700 millóns de euros e que permitirá mobilizar outros 1.302 millóns de euros de recursos privados, recolle, entre outras medidas: a creación dun fondo público-privado para proxectos tractores e estratéxicos; e a definición de tres proxectos industriais tractores para impulsar as enerxías renovables en Galicia, vinculados ao medio rural, ao forestal e á produción de hidróxeno verde.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta referiuse tamén ás incertezas a nivel nacional, salientando a apertura do prazo dos fondos europeos, “e non coñecemos aínda o teito de gasto do Goberno central, nin a previsión de entregas a conta do ano que vén e tampouco os obxectivos de déficit para 2021”, engadiu.

Feijóo concluíu trasladando o convencemento de que a empresa familiar ocupará un papel fundamental na reactivación económica e social. “Queremos unha Galicia inspirada nos valores da empresa familiar: que medre solidamente, cunha economía fiable, que sexa capaz de planificar, emprendedora, que combine innovación con tradición, que busque a máxima calidade, que sexa competitiva e con capacidade exportadora e que sexa socialmente responsable”, abundou, destacando a capacidade de adaptación deste colectivo para afrontar novos retos.
 

Imaxes relacionadas