A Xunta achega os primeiros 80 millóns da liña de préstamos para que autónomos e pemes conten coa liquidez necesaria para facer fronte ás consecuencias provocadas pola emerxencia sanitaria

Feijóo precisa que sete de cada dez corresponden a microempresas, superando os 40 millóns de euros

Por outra banda, salienta un investimento de preto dun millón de euros para reforzar a Administración de Xustiza ante a crise sanitaria, tras a redución da actividade xudicial durante o estado da alarma
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020

O presidente do Goberno Galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta xa facilitou os primeiros 80 millóns de euros da liña de financiamento para que autónomos e pemes conten coa liquidez necesaria para facer fronte ás consecuencias provocadas pola emerxencia sanitaria.

No tocante á procedencia dos créditos formalizados ata hoxe, Feijóo precisou que sete de cada dez corresponden a microempresas, superando os 40 millóns de euros, destacando por sectores os préstamos concedidos: aos establecementos comerciais, que acadan o 25% do total; á restauración, cun 17%; aos servizos, cun 15%; e á industria e á construción, cun 10% cada unha.

En canto á distribución provincial, a metade das empresas beneficiarias exercen a súa actividade na Coruña; o 30% en Pontevedra; e as restantes corresponden a compañías de Lugo e Ourense.

“En total, esta liña permitirá unha mobilización global de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego”, aseverou, recordando que en concreto, aválanse entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio; con prazos de amortización de ata catro anos cun de carencia; e cun máximo do 1,50% de xuros (son bonificados ao cen por cen pola Xunta, que se fai cargo deles).

A esta liña hai que sumar outras tres. Non en van, a Xunta ten activa unha liña de microcréditos, dotada con máis de 6 millóns de euros, que facilitará préstamos de entre 3.000 e 20.000 euros a cada negocio, con xuros bonificados ao 100% pola Xunta e cun prazo de duración máxima de cinco anos (cun ano de carencia como tope).

Ademais, o Goberno galego destinará 8 millóns a achegar préstamos directos de entre 3.000 e 200.000 euros ás pemes de sectores especialmente afectados pola actual situación económica: o sector cultural e artístico, con especial atención ás orquestras e á economía social.

Por último, para o sector vitivinícola habilitarase un préstamo vendima co que se prevé mobilizar 60 millóns para permitir a todas as bodegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da vendima deste ano en condicións normais de mercado.

Reforzo da Administración de Xustiza ante a crise da covid-19

Por outra banda, o titular da Xunta en funcións avanzou tamén un investimento de preto dun millón de euros para reforzar a Administración de Xustiza ante a crise sanitaria, tras a redución da actividade xudicial durante o estado da alarma.

Logo de que o Consello de Ministros aprobase a principios de mes un Plan de actuación para axilizar a actividade xudicial dos órganos das xurisdicións social, contencioso-administrativa e xulgados mercantís, Feijóo explicou que esta iniciativa estruturase en dúas fases: a primeira, que se estenderá de setembro a decembro, concentrarase nos xulgados do social e mercantís que con anterioridade á crise xa presentaban maior carga de traballo. E a segunda fase, que comezará a partir de xaneiro de 2021, estenderase á xurisdición contencioso-administrativa.

Entre as medidas, destacarán: a prolongación de xornada, isto é, unha retribución extraordinaria ao persoal destinado no propio órgano xudicial a través dun programa de actuación para obxectivos; a creación de xulgados “bis”, coa designación dun xuíz, un letrado da Administración de Xustiza e cinco funcionarios para que temporalmente exista un xulgado de apoio; e a posta en marcha efectiva de novos xulgados.

En concreto o investimento autonómico dun millóns de euros destinarase: a financiar a prolongación de xornada de 83 efectivos, á creación de xulgados “bis” na xurisdición social da Coruña e Lugo, así como na mercantil da Coruña; e á dotación de persoal dos tres novos xulgados do social en Lugo, A Coruña e Vigo. En concreto, o nº4 de Lugo, nº 7 da Coruña e nº 7 de Vigo.
 

Imaxes relacionadas