A Xunta agradece o esforzo dos produtores de mexillón durante a crise do coronavirus e destina 16 millóns a apoios ao sector acuícola entre 2020 e 2021

Rosa Quintana lembra que os bateeiros mantiveron a súa actividade a pesar do estado de alarma para subministrar alimento á cidadanía e que a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) desenvolveu unha campaña de recadación de fondos en favor do Servizo Galego de Saúde en plena pandemia

A titular de Mar en funcións destaca a importancia de adaptar a oferta á demanda e de apostar pola internacionalización para superar as dificultades derivadas da alerta sanitaria

O plan ‘Avantemar’ para a reactivación do complexo mar-industria de Galicia inclúe os 10 millóns para apoios ao sector acuícola en 2020 co obxectivo de mellorar a súa produtividade e seis millóns para 2021 cos que compensar a caída de ingresos no presente exercicio pola covid-19
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 23 de xullo de 2020

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, participou hoxe na clausura da xornada Promoción do produto e o oficio, internacionalización do sector onde destacou o esforzo realizado polo sector bateeiro durante a alerta sanitaria polo coronavirus para subministrar alimento de calidade á cidadanía así como o seu compromiso na loita contra a pandemia. Neste sentido, a representante do Executivo galego lembrou que o plan Avantemar para a reactivación do complexo mar-industria de Galicia inclúe 16 millóns en apoios ao sector acuícola repartidos entre este ano e o próximo.

Durante o peche do evento organizado pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), a titular de Mar en funcións incidiu en que o sector do mexillón mostrou a súa implicación coa sociedade galega mantendo en todo momento a súa activade a pesar do estado de alarma así como cunha campaña de recadación de fondos en favor do Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizada por Opmega no mes de abril, cando comezaba a época forte do bivalvo e cando a hostalaría permanecía pechada pola alerta sanitaria.

“O voso compromiso foi inquebrantable, a vosa responsabilidade total e, por iso, debemos poñer en valor o voso papel e mostrar a nosa gratitude porque formedes parte da inmensidade do mar de Galicia”, subliñou Rosa Quintana, que lembrou que o sector puido aguantar grazas á demanda das conserveiras pois os pedidos da canle Horeca reducíronse ao mínimo.

Aínda así, explicou a representante da Xunta, o sector sufriu moito nestes meses e será difícil volver aos niveis de produción e facturación previos á pandemia. Por iso, o plan Avantemar deseñado polo Executivo galego para reactivar o complexo mar-industria de Galicia -dotado con 77 millóns para este ano e 14 para 2021- inclúe os 10 millóns de euros de achegas habilitados en 2020 para adecuar e manter a produtividade do sector acuícola e seis millóns de euros para o próximo ano co obxectivo de compensar as caídas de ingresos que sufran as empresas acuícolas no presente exercicio como consecuencia da pandemia.

Cifras do sector

O obxectivo é retomar a boa senda iniciada en 2009, ano no que se deu seguridade xurídica ás concesións administrativas do sector coa entrada en vigor da nova Lei de Pesca de Galicia e desde o que a produción de mexillón aumentou un 13% e os ingresos derivados da súa venda máis dun 26%. De feito, Rosa Quintana salientou os bos resultados colleitados polo sector en 2019, “cos que fai méritos para ser considerada unha potencia mundial a nivel acuícola”, ao sacar ao mercado 255.000 toneladas de mexillón por un importe próximo aos 112 millóns de euros.

O reto do sector, incidiu a conselleira do Mar en funcións, é manter a súa aposta por ser máis competitivo, máis innovador e máis internacional e por adaptar a oferta aos novos hábitos de consumo. Ao mesmo tempo, engadiu, será vital estimular o consumo mediante campañas de promoción dos produtos do mar e reforzar a presenza internacional con medidas alternativas ás feiras internacionais, que na actualidade non se poden celebrar como consecuencia das restricións pola alerta sanitaria.

A representante da Xunta agradeceu a Opmega a celebración desta xornada pois permite analizar a situación do sector bateeiro e os retos de futuro que albiscan os seus integrantes co obxectivo de poñerlles solución. Por iso, asegurou que o sector mitilicultor galego está na boa dirección para acadar a sustentabilidade e a competitividade necesarias para garantir o seu futuro.
 

Imaxes relacionadas