Anxo M. Lorenzo destaca a capacidade do festival ‘Sinsal litoral’ para reinventarse e seguir sendo un referente

O director de Políticas Culturais da Xunta asistiu hoxe a unha xornada sobre economía circular na undécima edición deste evento, adherido a FEST Galicia

Ofrece actividades en formatos reducidos como concertos, encontros ou andainas por distintos emprazamentos das Rías Baixas

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participará esta tarde na mesa de reflexión ‘Creando Circularidade’
 

Redondela (Pontevedra), 23 de xullo de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, destacou hoxe a capacidade do festival Sinsal litoral SON Estrella Galicia para reinventarse e seguir sendo un referente á hora de combinar cultura, patrimonio e sustentabilidade. Fíxoo tras asistir hoxe na Illa de San Simón á xornada A Senda Circular, unha das actividades incluídas na undécima edición deste evento, adherido a marca FEST Galicia, coa que a Xunta promove a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, respecto ao medio ambiente e responsabilidade social.

O evento celébrase desde o 22 e ata o 26 de xullo en formatos reducidos e en distintos emprazamentos das Rías Baixas. A causa da crise sanitaria, esta edición conta cun protocolo de acceso e desaloxo para acceder a cada unha das actividades e tamén con normas específicas para os asistentes aos concertos, nos que non se poderán efectuar consumicións de pé, sendo preciso facelo sentado na cadeira.

No marco da xornada A Senda Circular, centrada na necesidade de adaptar os distintos axentes económicos aos obxectivos da Axenda 2030, o responsable de Políticas Culturais da Xunta puxo a Illa de San Simón como exemplo de sustentabilidade, tanto desde o punto de vista cultural, ao ser un espazo declarado Ben de Interese Cultural, como no eido medioambiental, xa que está incluído dentro da Rede Natura. Do mesmo xeito, Anxo M. Lorenzo destacou o potencial do sector cultural á hora de traballar por unha sociedade máis sustentable, fomentando a reflexión e incentivando a sensibilización da cidadanía.

Esta tarde, a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participará na mesa de reflexión Creando Circularidade, á que asistirán unhas 50 persoas profesionais do sector sanitario, medioambiental, así como do eido da cultura e patrocinadores do evento. Ademais, o festival inclúe outras actividades como concertos, encontros ou andainas.

Adaptación dos festivais

O festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia é un dos eventos adheridos á marca FEST Galicia, impulsada desde 2018 polo Goberno galego para promover o turismo de festivais. No marco desta folla de ruta, e dentro do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, a Xunta reservou 400.000€ para impulsar a adaptación dos eventos adheridos ao actual escenario, desenvolvendo tanto concertos en formatos máis reducidos como online, ademais doutras actividades particularizadas e consensuadas coa Asociación de Festivais de Galicia e con cada unha das citas integradas.
 

Imaxes relacionadas