A Xunta destaca a súa aposta pola transformación dixital para a recuperación do mercado de traballo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe en Santiago de Compostela no webinario #AutónomosDixitais e nun encontro virtual sobre empregabilidade dixital

Destacou a importancia da formación online no novo contexto marcado por un maior uso das novas tecnoloxías

Casal sinalou que o obxectivo prioritario do Goberno galego é a recuperación do emprego de calidade a través da nova Axenda de Emprego, que prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas das que se beneficiarán máis de 65.000 galegos e galegas

O Cheque Autónomo, que xa se pode solicitar, inclúe axudas de ata 1800 euros para apoiar os gastos do día a día deste colectivo

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, interveu hoxe en Santiago no webinario #AutónomosDixitais e mantivo un encontro virtual sobre empregabilidade dixital, dúas videoconferencias nas que destacou que a Xunta está a apostar pola transformación dixital para a reactivación do mercado laboral galego.

Casal sinalou a importancia da transformación dixital nas pemes galegas, así como a utilización das novas tecnoloxías na formación, lembrando que unha cualificación de calidade repercute directamente na creación de emprego. Así, lembrou que a Administración autonómica está a implantar un modelo de formación flexible e dual, no que se combina a cualificación coa contratación, e no que as novas tecnoloxías teñen especial relevancia. Ao respecto, incidiu na importancia da formación online no novo contexto dixital.

Casal explicou que os principais retos aos que se debe enfrontar o mercado laboral actual, e que están recollidos na nova Axenda de Emprego, son impulsar unha transformación tecnolóxica nas empresas a través da formación, facilitar a convivencia das diferentes formas de traballo –presencial e teletraballo– garantindo a seguridade tecnolóxica, protexer aos grupos de risco sanitario no traballo e mellorar o acceso dos traballadores e usuarios ao servizo de emprego da Administración autonómica.

A nova Axenda de Emprego, aprobada pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño, para a recuperación do emprego de calidade e, en consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica, conta cun orzamento de 196,7 M€, prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas das que se beneficiarán máis de 65.000 galegos e galegas.

A Xunta confía con esta planificación en dar resposta ás necesidades dos traballadores, dos autónomos e das empresas galegas a medida que evolucione a situación actual e apoialas para facilitar a transición cara a un novo contexto laboral poscovid-19. Ademais, as iniciativas recollidas na nova Axenda contribuirán a recuperar a confianza do mercado laboral para consolidar a senda do emprego de calidade nunha Galicia competitiva.

Cheque Autónomo

Entre as medidas xa postas en marcha, Casal destacou o Cheque Autónomo, un programa de axudas que xa se pode solicitar. Conta cun orzamento de 16M€ e ofrece financiamento do 100%, ata un límite de 1800 euros, do custo de determinados gastos correntes, como loxística e transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pago por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, biombos e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións.

Estas axudas prevén anticipos do 100% e cubrirán os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade.

O director xeral, para rematar, afirmou que para facer fronte á recuperación económica, ademais de apoiar ás familias, autónomos e pemes nestes momentos de dificultade, hai que seguir avanzando na dixitalización que, sen dúbida, está a permitir a creación de emprego de calidade en Galicia.

Imaxes relacionadas