A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Permanece activo o incendio do concello ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie provisional de 160 hectáreas

Estabilizado un incendio no concello ourensán de Riós, parroquia de Castrelo de Cima, que supera provisionalmente as 20 hectáreas

Quedou controlado o lume do municipio coruñés de Porto do Son, parroquia de Nebra, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie dunhas 40 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

Verín

Activo desde as 15,41 h. da tarde de onte o incendio do concello ourensán de Verín, parroquia de Queirugás. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada sitúase arredor das 160 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 6 axentes, 16 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 10 helicópteros e 9 avións.

Riós

Estabilizado dende as 7,16 h. desta mañá un lume no concello ourensán de Riós, parroquia de Castrelo de Cima, que se iniciou ás 22,07 h. da pasada noite. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie provisional superior ás 20 hectáreas. No seu control levan traballado ata o momento 5 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 1 pa.

Porto do Son

Controlado dende as 21,30 h. de onte o incendio forestal do concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Nebra, que comezou ás 16,51 h. da tarde do martes. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 40,71 hectáreas de arborado. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 22 axentes, 34 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural