A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe en Ribeira aos participantes no Palmeira Urban Camp, actividade que se enmarca no programa ‘Coñece Galicia’

Os novos minicampamentos de verán teñen xa o 90% das súas prazas cubertas

Esta iniciativa, unha das principais novidades da Campaña de Verán que se realiza en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, ten como escenario diferentes aloxamentos turísticos da comunidade

Diríxese a nenas e nenos de 10 a 14 anos, que participan en actividades de cultura urbana, ocio activo, multiaventura, coñecemento do patrimonio cultural, turismo da natureza e educación ambiental

Ribeira (A Coruña), 22 de xullo de 2020

A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, visitou esta tarde ás mozas e mozos participantes no Palmeira Urban Camp, un dos 14 minicampamentos que se están a desenvolver en aloxamentos turísticos de Galicia. Este programa, unha das principais novidades da Campaña de Verán deste ano e que se realiza en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, xa ten cubertas o 90% das prazas que se ofertan.

Esta iniciativa supón unha oportunidade para que os participantes coñezan distintos enclaves da comunidade e aprendan novas disciplinas, ao tempo que se facilita a conciliación das familias. Outro dos obxectivos de ‘Coñece Galicia’ é apoiar aos establecementos turísticos.

Un grupo de 14 nenas e nenos de entre 10 e 14 anos danse cita na segunda quenda deste programa nas instalacións do Hotel Norat Palmeira, a primeira tivo lugar do 13 ao 17 de xullo e contou tamén con 14 participantes, o total das prazas ofertadas. Este minicampamento céntrase na arte urbana e nas actividades acuáticas.

Como no resto de campamentos de Galicia, estanse a seguir as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias, como a limitación de prazas para facilitar o distanciamento social ou o coidado da hixiene. Trátase de garantir a máxima seguridade para as rapaces e rapazas.

‘Coñece Galicia’ propón unha variada oferta de actividades de cultura urbana e ocio activo, de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural, de turismo de natureza e educación ambiental, de coñecemento de paraxes naturais e mariñas ou de desfrute do medio rural, entre outras alternativas. Os lugares onde se celebran os minicampamentos son Ribeira; Foz; Monforte; a contorna dos Ancares; Pobra de Trives; O Carballiño; Covelo; Lalín; O Grove; Silleda e as comarcas do Salnés, do Deza e do Morrazo.

A Campaña de Verán deste ano da Xunta, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.

Imaxes relacionadas