Sanidade levanta a limitación da mobilidade no concello de Burela

Todo o distrito sanitario da Mariña queda libre de restricións de movemento, aínda que seguen vixentes as medidas de redución de aforos e o cumprimento dos horarios de apertura e peche

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe en rolda de prensa, logo da reunión con expertos do Comité Clínico onde se revisaron as medidas de restrición que estaban en vigor na Mariña lucense como consecuencia do brote da covid-19, que se levanta a limitación da mobilidade no concello de Burela, o único de todo o distrito sanitario da Mariña que aínda tiña restrinxido o movemento.

Deste xeito, Buela únese aos concellos de Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove que xa tiñan mobilidade completa dende a pasada semana e aos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, que recuperaron a mobilidade sen restricións hai quince días.

O conselleiro de Sanidade quixo destacar o gran traballo e o esforzo realizado tanto pola corporación municipal como pola cidadanía de Burela, dos que louvou o seu comportamento responsable durante estas semanas.

Para o conxunto de concellos do distrito da Mariña seguen vixentes as medidas de prevención de redución de aforos nos bares e centros de ocio ao 50% e o cumprimento dos horarios de apertura e peche de forma escrupulosa, permitíndose dende agora pechar unha hora máis tarde, a unha da madrugada. Tamén se manteñen os límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre, e un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10.

As modificacións referidas á mobilidade nos concellos publicaranse hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor ás 00.00 horas.

Por outra banda, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, sinalou que, ata onte, fixéronse 4.092 PCR como consecuencia do brote da Mariña, sendo na actualidade o número de casos activos 69, 10 menos que no día de onte.

O xefe do servizo de Oncoloxía do Hula e membro do Comité de Expertos, o doutor Sergio Vázquez Estévez, insistiu hoxe na necesidade de utilizar a máscara en todo momento, incidindo especialmente na obrigatoriedade de levala nos establecementos de hostelería, incluídas as terrazas, sempre que non se estea consumindo. Tamén lembrou que, aínda que non se pode obrigar a empregar mascarilla nas xuntanzas particulares de non convivintes, recoméndase o seu uso

Pola súa banda, o doutor Vázquez Lima, xefe de servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, e membro tamén do Comité Clínico, manifestou que tanto as xuntanzas como as festas son contornas que facilitan o contaxio, polo que pediu que, se non son estrictamente necesarias, se traten de evitar.

Almuiña insistiu de novo na súa preocupación por dous factores. Un deles son as xuntanzas de xente nova, que se seguen a celebrar fundamentalmente de noite e lembrou a prohibición existente de realizar botellón. O outro son os casos importados e lembrou que a Xunta de Galicia ten activado un teléfono específico, o 881 00 20 21, para atender a todas aquelas persoas que visiten Galicia nos vindeiros meses.

Imaxes relacionadas