Alfoz convértese no concello número 86 en adherirse á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor Jorge Val asinaron esta mañá o convenio en virtude do cal o municipio lucense delega na APLU as súas competencias en materia de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística

Vázquez Mejuto enmarca esta nova adhesión no apoio da Xunta aos concellos para velar pola protección do territorio e o control de posibles infraccións

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

O concello lucense de Alfoz xa está oficialmente adherido á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo autonómico que ten por obxectivo velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido.

O rexedor municipal Jorge Val e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron esta mañá o convenio en virtude do cal Alfoz se converte no concello número 86 de toda Galicia e no 17 da provincia de Lugo en delegar na APLU parte das súas competencias.

Tras a sinatura, Vázquez Mejuto explicou que, en virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: en solo rústico ou non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña.

Neste sentido, a conselleira felicitou ao alcalde pola decisión xa que, lembrou, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co único fin de garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

O obxectivo da Xunta é seguir incorporando máis concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos que xa están adheridos porque os resultados, como salientou Vázquez Mejuto, amosan que a actuación conxunta entre a APLU e os concellos é sinónimo de éxito. A modo de exemplo, cómpre lembrar que en 2019 baixou o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación, e un exercicio máis o número de execucións subsidiarias –é dicir, as realizadas polos propios particulares-, foi dun 95%.

Imaxes relacionadas