O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá na entrega de diplomas da formación realizada por esta asociación

A Xunta colabora coa asociación Boa Vida na formación das persoas en risco de exclusión social e pon en valor os logros acadados por esta entidade

O Goberno galego financiou un total de nove programas por un valor de 115.000 euros a través da convocatoria de axudas 2018-2020 para a realización de actuacións de inclusión social por parte de entidades sociais

Pontevedra, 22 de xullo de 2020

A Xunta puxo en valor o traballo realizado pola entidade Boa Vida na procura de máis oportunidades de emprego para as persoas en risco de exclusión social. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá na entrega de diplomas ás persoas que realizaron os cursos de formación financiados polo Goberno galego a través da orde de axudas 2018-2020 para entidades sociais por un total de 115.000 euros.

En concreto, o Goberno galego colabora no financiamento de nove programas impulsados por Boa Vida para a información e a orientación en distintos eidos, para a formación básica, o emprego e na mediación e acollemento de persoas inmigrantes.

Arturo Parrado incidiu na importancia de que as administracións colaboren coas diferentes entidades sociais por ser elas as que mellor coñecen a realidade das persoas en risco de exclusión. Neste sentido, sinalou que Boa Vida ten demostrado lograr melloras na vida das persoas inmigrantes e na formación para a procura de emprego das persoas máis vulnerables.