Responsables das principais axencias de viaxe españolas comezan hoxe unha visita a Galicia para impulsar o destino

No marco do Plan de Reactivación do sector turístico, a Xunta e Agavi promoven esta viaxe para que deseñen paquetes turísticos asociados á enogastronomía

Participarán, entre outros, membros de Civitatis, Mapa Tours, Nautalia así como o presidente da Confederación Española de Axencias de Viaxe (CEAV)
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

Responsables das principais axencias de viaxe de España e destacadas empresas do sector comezan hoxe unha viaxe de prospección por diferentes emprazamentos da Comunidade para coñecer o destino e poder comercializar paquetes turísticos en Galicia especializados en enogastronomía que contribúan a reactivar o sector no actual contexto sanitario.

A viaxe, promovida pola Xunta de Galicia e a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavi), prográmase no marco do Plan de Reactivación do sector turístico do Goberno autonómico, que inclúe un convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e este colectivo. Preténdese seguir impulsando a Comunidade galega como un destino de calidade e seguro que ofrece garantías para viaxeiros, traballadores e aos propios galegos.

O percorrido dá comezo hoxe mércores na cidade da Coruña e rematará en Vigo o domingo. Participarán máis de 20 persoas, entre presidentes e representantes dalgunhas das principais axencias de viaxes españolas como Civitatis, Mapa Tours, Nautalia Viajes, El Corte Inglés, grupo GEA, Viajes Temps D’Oci, Avantours, a asociación Renascitour ou Viajes Kontiki. Tamén estarán presentes membros das asociacións de axencias de viaxe de Valencia, Sevilla, Castela e León, así como o presidente e vicepresidente da Confederación Española de Asociacións de Axencias de Viaxe (CEAV), que agrupa a máis de 5.000 axencias de viaxes, tanto minoristas como maioristas, e conta con 9.000 puntos de venta. No grupo tamén participan axentes de viaxes especializados en mercados internacionais como o ruso, así como xornalistas especializados en turismo.

Durante a súa estadía, coñecerán algúns dos principais recursos turísticos especialmente vinculados coa enogastronomía galega, pero tamén a natureza, o patrimonio ou o Camiño de Santiago. Concretamente, na Coruña realizarán visitas panorámicas pola cidade, coñecerán a Torre de Hércules e visitarán o restaurante Estrella Michelin Árbore da Veira.

Galicia destino seguro

O percorrido na Comunidade complétase cunha visita á Costa da Morte, con parada en Fisterra e Muxía, símbolos do Camiño de Santiago, así como unha ruta pola cidade de Santiago de Compostela, visitando a pé o Mercado de Abastos. En Lugo poderán coñecer algúns recursos vinculados a enogastronomía galega, especialmente asociados á Ruta do Queixo e da Mel, creada pola Xunta no marco da Estratexia Galicia Sabe.

A viaxe inclúe tamén visitas á Ribeira Sacra, á cidade de Ourense ou Pontevedra, así como a territorios vitivinícolas na Denominación de Orixe do Ribeiro. Tamén coñecerán a costa galega, con visitas a pobos mariñeiros como Baiona, Combarro, Cambados, Sanxenxo ou as Illas Cíes e as Illas Ons.

A viaxe de familiarización enmárcase na aposta da Xunta de Galicia incluída no programa Galicia destino seguro, que conta xa cunha dotación global de 8M€ para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago. Concretamente o convenio asinado con Agavi, permite promover accións como esta coa intención de adecuar formatos turísticos xa existentes ao escenario actual e crear novos produtos e experiencias.

 

Imaxes relacionadas