Medio Ambiente estudará colaborar co Concello de Bande nun proxecto para urbanizar a praza principal do municipio

Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá coa rexedora Sandra Quintas, quen lle fixo entrega dunha memoria cos detalles da actuación

A conselleira en funcións avanza que o contrato para executar a humanización da contorna do Mercado do Xurés, que será cofinanciada entre a Xunta e o concello a través do plan Hurbe, está pendente de adxudicación
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Bande na urbanización dunha praza municipal. Así o comprometeu esta mañá a conselleira en funcións Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza coa alcaldesa Sandra Quintas, quen lle trasladou a importancia de levar a cabo esta actuación sobre un dos espazos de uso público máis transitados do municipio.

A intervención prevista polo concello, tal e como lle explicou a rexedora, ten como obxectivo acometer o acondicionamento e urbanización da praza principal do Concello de Bande co fin de mellorar o aproveitamento e uso público deste espazo por parte da veciñanza.

Así mesmo, Sandra Quintas tamén aproveitou o encontro para explicarlle os plans municipais para actuar contra o feísmo no casco urbano da vila, interesándose ao respecto polas posibles vías de financiamento que pon a Xunta a disposición das entidades locais en materia de rehabilitación e conservación do patrimonio xa construído.

Pola súa parte, Ángeles Vázquez indicoulle á alcaldesa que estudará a viabilidade de implicarse e cooperar na urbanización da praza principal de Bande xa que, como lembrou, o seu departamento ofrece aos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que busquen potenciar as infraestruturas públicas, os servizos e os equipamentos municipais para mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.

Un deses programas de apoio aos concellos en materia urbanística é o chamado plan Hurbe, en virtude do cal a Consellería e mais o Concello de Bande asinaron en 2019 un convenio de colaboración para cofinanciar nun 70% e nun 30%, respectivamente, a humanización da contorna do Mercado do Xurés.

A este respecto, Vázquez Mejuto lembrou que este contrato foi licitado a mediados de xuño cun orzamento base de 77.999,99 euros (IVE incluído) e avanzou que, unha vez pechado xa o prazo para a presentación de ofertas a comezos deste mes, está só pendente de adxudicación.
 

Imaxes relacionadas