A Consellería de Política Social investiu máis de 354.000 euros en distintas actuacións nos centros sociais da área territorial de Vigo

Obras de mellora, reparación e equipamento nun total de 15 instalacións públicas que prestan servizos sociais e que foron executadas entre os meses de maio e xuño

Vigo, 22 de xullo de 2020

A Consellería de Política Social vén de investir máis de 354.000 euros en actuacións de mellora, reparación e equipamento nun total de 15 centros da área territorial de Vigo. Obras que foron executadas entre os meses de maio e xuño en instalacións públicas que prestan distintos servizos sociais.

Desagregadas as partidas, no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, no que se reparou a cuberta e a fachada, renovouse a grifería no comedor, reforzouse a detección de fume e adaptouse un baño na pista exterior para mellorar a accesibilidade, o investimento do Goberno galego foi de preto de 40.000 euros. No caso do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo (CRAPD) as obras consistiron na fabricación e colocación dunha marquesiña para a protección dos residentes na terraza, a colocación do mecanismo que permite a apertura oscilobatente nas ventás e a ampliación do peirao de carga. Actuacións que en conxunto rozan os 50.000 euros.

Asemade realizáronse varios traballos nos centros sociocomunitarios da área territorial de Vigo, concretamente no de Baiona, O Porriño, Redondela e os vigueses de Pi y Margal, Coia, Teis e Bouzas. Entre as melloras, que supuxeron un total de 76.660 euros, destacan o pintado da fachada no CBS de Redondela, a renovación da instalación de fontanería no CBS Bouzas e a adaptación da cafetería como sala de usos múltiples no centro baionés.

No Equipo de Valoración e Orientación (EVO) da rúa Faisán en Vigo a modernización do ascensor e a rehabilitación dos despachos do primeiro andar, así como a súa renovación eléctrica, supuxeron en conxunto un investimento de preto de 36.000 euros.

No caso da Residencia Xuvenil Altamar fixéronse varios traballos de pintado, renováronse as luminarias e o sistema de fontanería e os lavadoiros e instalouse un sistema antiintrusión e un videoporteiro cun custe de preto de 103.000 euros. Outros 15.000 euros destináronse á posta en funcionamento do campo de traballo das Illas Cíes

Por outra banda, na miniresidencia O Seixo a substitución do depósito de auga quente sanitaria e o vaso de expansión da calefacción, así como o arranxo das deficiencias detectadas na instalación eléctrica supuxeron outros 7.000 euros. Na Casa do Mar Aldán investíronse máis de 5.000 euros entre a cheminea da sala de caldeiras e melloras na instalación da calefacción.

Xa por último, na Residencia de Tempo Libre de Panxón procedeuse á reparación do muro exterior e do sistema de instalación eléctrico, entre outras incidencias, por un importe de preto de 21.500 euros.