Un total de 26 empresas presenta as súas ofertas para executar as obras do novo colector interceptor en Cabanas para a mellora do saneamento

Esta actuación, licitada por más de 1,4 millóns de euros, conta cun prazo de execución de 12 meses

O novo colector terá unha lonxitude de 1 km, desde o Paseo da Madalena ata o tanque de tormentas e solucionará os problemas actuais de infiltración

Tamén se prevé a execución de dous ramais de colectores secundarios que conectarán co colector interceptor

As actuacións forman parte do proxecto de mellora de saneamento nos concellos de Cabanas e Pontedeume, cun investimento total duns 8,6 millóns de euros

Actualmente estase a executar a renovación do saneamento de Pontedeume e de parte do abastecemento que se ve afectado por estas obras

As obras no concello de Cabanas completaranse cun tanque de tormentas con saída de bombeo cara á depuradora de Centroña, que comparte con Pontedeume
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

Un total de vinte e seis empresas veñen de presentar as súas ofertas para as obras do novo colector interceptor en Cabanas, licitadas por un importe de máis de 1,4 millóns de euros.

Esta nova actuación para a mellora do saneamento no municipio, que conta cun prazo de execución de 12 meses, consistirá na construción dun novo colector interceptor en Cabanas, dunha lonxitude de 1 km, desde o Paseo da Madalena ata o novo tanque de tormentas.

Esta infraestrutura hidráulica substituirá a existente co fin de solucionar os problemas actuais de infiltración de auga de mar.

Na intervención tamén se incluirá a execución de dous ramais de colectores secundarios que conectarán co colector interceptor.

Estas obras contribuirán á eliminación dos puntos de vertido á ría e darán servizo a unha poboación de 7.100 habitantes do municipio de Cabanas.

Os traballos contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Estas actuacións forma parte do proxecto de mellora de saneamento entorno ao esteiro de Eume, impulsado polo Goberno galego nos concellos de Cabanas e Pontedeume, cun investimento total duns 8,6 millóns de euros.

Actualmente, o organismo hidráulico da Xunta executa a renovación do saneamento de Pontedeume e de parte do abastecemento que se ve afectado por estas obras, así como a instalación dun tanque de retención e un bombeo. Estes traballos, adxudicados por 4,2 millóns de euros, prevén o seu remate nos primeiros meses de 2021.

Tamén este mes de xullo o Goberno galego aprobou a colaboración co Concello de Cabanas para completar o saneamento da ría de Pontedeume, cun investimento autonómico de máis de 2,8 millóns de euros.

Este acordo permite á Consellería de infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, a licitación das obras de execución dun tanque de tormentas en Cabanas con saída de bombeo cara á estación depuradora de augas residuais de Centroña, que comparte co concello de Pontedeume.

Estas intervención, no seu conxunto, son estratéxicas para a mellora da calidade das augas e o avance no saneamento integral das rías galegas, cos beneficios que implica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a saúde.