Fabiola García visita o campamento xuvenil de Entrimo, ambientado no teatro e na aventura na natureza

Un total de 40 rapazas e rapaces de entre 9 e 13 anos participan nas actividades destas instalacións na primeira quenda de actividades

Entrimo (Ourense), 22 de xullo de 2020

A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, visitou esta mañá o campamento xuvenil de Entrimo onde 40 nenas e nenos de entre 9 e 13 anos participan da primeira quenda de actividades no marco da Campaña de Verán 2020. Alí coñeceu os obradoiros que están a realizar, focalizados no teatro, na formación comunicativa e a aventura na natureza.

Así mesmo, a conselleira destacou que, ao igual que o resto de instalacións, o aforo foi reducido para adaptarse ao protocolo de actuación establecido polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19 e garantir deste xeito o distanciamento de 1,5 metros. Tamén se incrementou o número de monitores ao garantir a atención dun monitor por cada tres rapaces, mentres a normativa establece un por cada dez.

Fabiola García sinalou que o obxectivo final é garantir que as familias poidan estar tranquilas levando aos seus pequenos ás actividades da Campaña de Verán da Xunta por ser unha aposta segura de conciliación. No campamento de Entrimo ofértanse un total de 200 prazas nas catro quendas que terán lugar ata comezos do mes de setembro.

Imaxes relacionadas