A Xunta leva entregadas 1,2 millóns de unidades de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais lugueses desde o inicio da crise sanitaria

O Goberno galego está a completar esta semana o envío número 17, neste caso para 79 residencias e centros sociais que recibirán 77.400 unidades, incluídas mascarillas, batas, pantallas faciais e produtos desinfectantes

Lugo, 22 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia leva entregadas preto de 1.255.000 unidades de material de protección contra o coronavirus ás residencias e centros asistenciais da provincia de Lugo desde o inicio da crise sanitaria.

Desde a primeira achega, a principios de abril, o Goberno galego subministrou a 156 centros lucenses un total de 570.580 guantes, 615.417 máscaras e pantallas faciais, 15.695 batas e mandís, 18.100 gorros, 26.700 calzas, 7.771 unidades de produtos desinfectantes e 163 trípticos informativos.

Estas cifras inclúen o envío que se está a completar esta semana, o número 17, que neste caso supuxo a entrega de 77.396 unidades a 79 centros. Entre o equipamento distribuído nesta ocasión contabilízanse 38.400 guantes, 38.368 mascarillas e pantallas faciais, 120 batas, 495 unidades de produtos desinfectantes e 13 trípticos informativos.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

As entidades que reciben estas achegas, públicas e privadas, son centros de maiores, menores, discapacitados, inclusión, igualdade e xuventude existentes na provincia de Lugo. A Administración galega quere garantir así a axeitada protección dos profesionais que traballan nestas entidades de atención e coidado de colectivos vulnerables ao coronavirus.