A Xunta financia con case 300.000 euros seis proxectos de acción humanitaria no exterior

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE vén de publicar a resolución coas axudas a seis organizacións non gubernamentais

Financiaranse proxectos en Kenia, Malí, Mozambique, República Dominicana e Malawi
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

A Xunta destinará preto de 300.000 euros a financiar seis proxectos de acción humanitaria no exterior. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE vén de publicar a resolución dunha orde de subvencións destinada a este fin.

En total, serán seis as organizacións non gubernamentais beneficiarias desta convocatoria, realizada en réxime de concorrencia competitiva. En concreto, as entidades que recibirán axudas son Farmacéuticos Mundi, UNICEF, Médicos do Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Intermón OXFAM e Entreculturas Fe e Alegría.

Os proxectos beneficiados desenvolveranse en Kenia, Malí, Mozambique, República Dominicana (2) e Malawi. Entre outras, desenvolveranse accións para mellorar a prevención e a resposta dos sistemas de saúde locais fronte á covid-19; o estado nutricional de nenos e nenas de comunidade vulnerables; ou a contorna educativa e de seguridade para nenos e nenas refuxiados.

Enténdense por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises, así como a previr e reforzar a capacidade de resposta cando se produzan estas situacións.

Por iso, a convocatoria deste ano pretende contribuír a aliviar o novo escenario mundial xerado pola covid-19, promovendo proxectos que axuden a dar resposta á crise sanitaria, pero sen esquecer a necesidade de seguir financiando aquelas iniciativas destinadas a compensar crises doutra índole que se seguen producindo no mundo.
 

Imaxes relacionadas