Declarada como medida preventiva a situación 2 no incendio forestal activo no municipio coruñés de Porto do Son, parroquia de Nebra

Esta situación operativa decrétase pola proximidade do lume, que afecta provisionalmente unhas 10 hectáreas, ao núcleo de Queiro

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural vén de declarar como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Nebra. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Queiro.

Este incendio comezaba ás 16,51 h. desta tarde e arestora permanece activo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie aproximada de 10 hectáreas, sendo esta medición provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 5 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural