A Xunta desenvolve na illa de Sálvora o primeiro campo de voluntariado organizado cunha entidade de atención á discapacidade

Fabiola García apunta que, con esta iniciativa, se contribúe a protexer este espazo natural ao tempo que as rapazas e rapaces gañan en autonomía

Ángeles Vázquez subliña a importancia que teñen este tipo de accións para promover entre a xuventude o coidado e o respecto polo patrimonio natural de “incalculable valor” que atesoura Galicia
 

Ribeira (A Coruña), 21 de xullo de 2020

As conselleiras en funcións de Política Social, Fabiola García, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, compartiron esta mañá experiencias coas mozas e mozos que participan na illa de Sálvora nun campo de voluntariado da asociación Amicos, organizado ao abeiro da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Este é a primeira vez que a Xunta desenvolve un campo de voluntariado cunha entidade de atención a persoas con discapacidade.

Fabiola García destacou a importante compoñente social e inclusiva desta actividade, que está moi ligada ao medio ambiente. Durante os dez días que dura este campo, unha ducia de rapazas e rapaces entre os 18 e os 30 anos, a maioría deles con discapacidade, realizan tarefas de limpeza e conservación da illa de Sálvora, co que ademais de gañar en autonomía contribúen a protexer este espazo natural. Tamén teñen tempo para practicar deporte na praia, facer sendeirismo ou desfrutar do cine de verán, entre outras alternativas de ocio.

Como no resto de actividades da Campaña de Verán, este campo de voluntariado lévase a cabo coas medidas que recolle o protocolo de actuación para previr a covid-19, como son: o uso obrigatorio de máscaras, a limpeza continuada de mans, a redución do número de participantes e o reforzo de persoal. Trátase de garantir a máxima seguridade para os participantes.

Protexer o patrimonio natural

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia que teñen accións de voluntariado como a que se está a desenvolver na illa de Sálvora para protexer o patrimonio natural “de incalculable valor” que atesoura Galicia. Neste sentido, lembrou que un dos obxectivos deste campamento é promover entre a xuventude o coidado e o respecto polos espazos naturais, para o cal os participantes realizarán tarefas de recollida de lixo mariño e reciclaxe, instalarán un novo hotel de insectos e eliminarán especies de plantas invasoras presentes no arquipélago, entre outras accións.

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia é un espazo recoñecido internacionalmente pola súa beleza e xestión sustentable que atrae cada ano a preto de medio millón de visitantes; pero tamén se ten convertido nos últimos anos en escenario de diversos campamentos e iniciativas de voluntariado ambiental, que só durante 2019 mobilizaron a máis de 1.150 persoas.

Para este ano, Vázquez Mejuto indicou que se agarda un nivel de participación similar e citou a modo de exemplo algunhas actividades que se están a levar a cabo nas illas, como o programa de interacción das aves mariñas coa pesca tradicional en colaboración coa ONG Fondo Mundial para a Natureza (WWF), os dous grupos de voluntariado para o seguimento de aves migratorias e de bolboretas diúrnas, ou o Campo de Traballo Internacional de Cíes, organizado pola Consellería de Política Social e que conta desde hai anos co apoio e colaboración do Parque Nacional.

Máis de 6.800 prazas nesta campaña estival

En Galicia ofértanse este verán 6.872 prazas en campamentos, campos de voluntariado e outras actividades desta campaña estival. En concreto, puxéronse á disposición das mozas e mozos galegos 348 prazas en 29 campos de voluntariado para maiores de 18 anos. No que atinxe á zona do Barbanza, a maiores desta iniciativa na illa de Sálvora, terá lugar un campamento en Porto do Son de temática náutica e de aventura, outro en Boiro centrado no teatro e a multiaventura e un campo de voluntariado en Ribeira na que os participantes coñecerán e axudarán a preservar o complexo de dunas de Corrubedo.

Imaxes relacionadas